O Comité Europeo de Dereitos Sociais admite o caso da "CIG contra España"
A CIG valora moi positivamente que no caso “CIG contra España” o Comité Europeo de Dereitos Sociais, “tire por terra o intento do Estado español de negar os dereitos que temos como sindicato máis representativo”.
Así o afirma o seu secretario xeral, Paulo Carril, quen lembra que é “sindicato máis representativo” a nivel galego, matizando que esa representatividade “ten efectos en igualdade de condicións para o conxunto do Estado Español, que UGT e CCOO”.
Neste sentido, Carril subliña que, por iso, a CIG está en todos os organismos tripartitos a nivel do Estado español e forma parte da delegación permanente de España na OIT mesmo participando todos os anos nas conferencias xerais en Xenebra.
O secretario xeral da CIG xulga o intento do goberno español de excluír á central sindical como “antidemocrático” por pretender “negar a nosa representatividade” e, polo tanto, “a de todos os traballados e traballadoras que teñen outorgado na CIG, primeiro sindicato en Galiza, toda a súa confianza”.
Alegacións admitidas
Carril tamén valora positivamente que se aceptaran as alegacións presentadas pola central sindical. Salienta, a este respecto, que a CIG é a organización sindical “pioneira” no Estado Español, por diante de UGT e de CCOO, “exixindo desde hai moitos anos que o goberno español ratificara a Carta Social Europea na súa última versión, a de 1996, máis o pacto que permite as reclamacións colectivas”.
A CIG vén sendo referente do sindicalismo que existe no conxunto do Estado Español á hora de remitir ao Comité Europeo de Dereitos Sociais os informes que anualmente pide sobre o nivel de cumprimento que o Estado Español fai da Carta a Sociedade Europea.
Por iso considera especialmente relevante que o Comité Europeo de Dereitos Sociais admita a trámite as súas alegacións, porque “preserva a lexitimidade histórica que temos en todo o traballo que levamos feito en relación coa Carta Social Europea, que o Estado Español quería negar”.
Aval ao principio de autoorganización
Nas súas alegacións perante o CEDS, a CIG salientou que o artigo 1 do Estatuto de Autonomía define Galiza como unha "nacionalidade histórica que se constitúe xuridicamente en comunidade autónoma", de modo que a existencia dos sindicatos autonómicos máis representativos é unha consecuencia do dereito das nacionalidades á autonomía que consagra a Constitución e, no caso da CIG, do propio feito nacional galego.
O recoñecemento directo da CIG por parte dun organismo internacional do Consello de Europa é un aval importante para o principio de autoorganización do pobo galego e un serio correctivo para o Goberno español, que quixo facer calar a voz do sindicalismo nacionalista".
Pódese acceder á decisión de admisibilidade.