O director de Ferroatlántica pretende responsabilizar do accidente o persoal ferido
O Comité de Ferroatlántica, tras da reunión de investigación que tivo lugar na mañá deste mércores, amosou o profundo malestar polas declaracións da empresa a través das que pretende responsabilizar e culpabilizar os compañeiros, que se atopan aínda hospitalizados, polo accidente ocorrido onte en Brens. Tanto o Comité como os delegados e delegadas de prevención trasladaron tamén a súa preocupación "ante o comportamento dos xefes dos departamentos dos operarios afectados, que tratan de ocultar evidencias e influír nas declaracións das testemuñas presenciais".
Do igual xeito, a representación do persoal denuncia e esixe unha rectificación "pública e inmediata das declaracións" feitas hoxe polo director da empresa, "quen logo de dar por rematada precipitadamente a reunión de investigación, non tardou un minuto en saír nos medios acusando os traballadores de seren os responsábeis do accidente". De non producirse esta reparación, dende o Comité advirten que "actuaremos até as últimas consecuencias".
Evitar os accidentes en orixe
Existe un elevadísimo índice de carga de traballo e presión que ten que soportar un cadro de persoal moi escaso, nunha instalacións moi deterioradas e que non se modernizaron nos últimos 25 anos"
Sobre o sinistro, a representación social entende que estes accidentes deben evitarse en orixe, evitando a exposición directa con medidas preventivas e sistemas en materia de seguridade, igual que ocorre noutras factorías do grupo. Unhas medidas e sistemas que os delegados e delegadas de prevención en Cee teñen reclamado en repetidas ocasións e que, "de implementarse, terían evitado o desafortunado accidente de onte".
Nesta liña, valoran que, polo de agora, a única conclusión que se pode sacar é que, tal e como indican os resultados do estudo psicosocial que a Inspección de Traballo requiriu a empresa hai uns meses, existe un elevadísimo índice de carga de traballo e presión "que ten que soportar un cadro de persoal moi escaso, nunha instalacións moi deterioradas e que non se modernizaron nos últimos 25 anos. A isto hai que engadir os limitados tempos nos que a dirección, a través dos responsábeis dos departamentos, obriga a realizar os traballos" para non incumprir o actual sistema de ininterrumpibilidade.
En definitiva, critican, "prímase sempre a produtividade sobre a seguridade". Unha política laboral que foi posta en coñecemento da dirección en Madrid, en Cee e, diante da pasividade e falta de actuación por parte da empresa, foi denunciada recentemente na Inspección de Traballo para que realice as actuacións pertinentes.
"Desconsideración" do conselleiro de Industria
"Non podemos tampouco deixar de lamentar a desconsideración e a falta de respecto do conselleiro de Industria cara ao conxunto do persoal e a representación legal, xa que se puxo en contacto co Director da fábrica, mais non tivo a mesma deferencia co Presidente do Comité, a pesar de ser un dos accidentados e a pesar de que o Comité lle ten solicitada unha reunión dende hai máis de tres meses", apuntaron.
Á vista dos últimos acontecementos, o Comité pregúntase: "canto máis vai esperar a Administración galega para exixir os investimentos necesarios e vitais para manter a seguridade dos traballadores/as a unha empresa que está a explotar os nosos recursos naturais a través de concesións públicas e recibido cuantiosas axudas económicas públicas?"