O comité e Maderas Iglesias intensifica as xestións institucionais en defensa do emprego
O comité de Maderas Iglesias, empresa do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante, está a intensificar nas últimas semanas as xestións institucionais para evitar a liquidación da compañía e deste xeito poder conservar os postos de traballo do cadro de persoal. Neste senso, está a manter reunións tanto cos distintos Concellos como coa Xunta de Galiza.
A representación sindical xa mantivo xuntanzas co Igape e cos Gobernos locais do Porriño, Ponteareas e Mos, e está previsto que nos vindeiros días continúe a rolda de contactos cos responsábeis municipais do resto de localidades nas que viven os traballadores/as da empresa (co Concello de Salceda terá lugar o mércores e co de Salvaterra o xoves).
O obxectivo deses encontros é solicitarlles o apoio das corporacións á loita en defensa do emprego e demandarlles que intercedan tamén diante do Igape para garantir a continuidade da empresa. Segundo explican dende o comité, presidido pola CIG, na xuntanza celebrada o pasado venres co Igape, o organismo autonómico comprometeuse a estudar as ofertas que poidan aparecer dos inversores interesados en adquirir Maderas Iglesias.
Xa que este é o único xeito de lograr a supervivencia da empresa e dos postos de traballo tras a denuncia presentada polos bancos -principais propietarios da débeda da compañía- por incumprimento do convenio do concurso de acredores.
Manobra dos bancos
Esta manobra das entidades de crédito pon en grave risco a continuidade da empresa e a dos 170 postos de traballo que quedan nunha firma que chegou a liderar o sector a nivel mundial.
Segundo indican dende a representación sindical, a denuncia presentada polos bancos vai supoñer a desaparición da empresa, que entrará en liquidación no caso de que non apareza un inversor, algo pouco probable tendo en conta que até o de agora non se produciu a pesar das supostas xestións realizadas pola Xunta neste sentido.