O comité de empresa da rede de centros socioculturais do Concello de Santiago denuncia que a volta ao traballo vén marcada polo conflito laboral e adianta que convocará novas mobilizacións no mes de setembro se non se aplican solucións urxentes que rematen coa “precariedade e o abandono” dun servizo exeternalizado para o que reclaman a remunicipalización.
Lembran que os pregos do concurso de adxudicación de 2021 estaban “totalmente mal dimensionados e deixáronnos nunha situación realmente delicada, até o punto de que unha empresa desgastada e sen liquidez comezou cun atraso no pago mensual das nóminas para acabar con sete meses de débeda acumulada co seu persoal e a imposibilidade de poder facer fronte a este pago”.
Queremos a remunicipalización do servizo, e querémola xa
Consideran que a entrada o 9 de abril dunha nova empresa no servizo, Os Ventos, deixaba aberta a porta a unha actualización do convenio propio para todo o persoal, “rematando, así coa dobre escala que sufrimos”, e a unha reorganización do servizo por zonas e perfís do persoal que limitase, na medida do posíbel, desprazamentos e concentrase xornadas no persoal con menos horas; así como a liquidación da débeda salarial a través dun pago directo por parte do Concello.
“Mais agora atopámonos cunha empresa que non está disposta a avanzar cara a eliminación da dobre escala salarial e social, e cun Goberno local que comeza a facernos padecer as consecuencias dos novos pregos”. Xa que cando na primeira semana de agosto o persoal comeza a recibir os cuadrantes para o novo curso, a representación sindical comproba que un número importante de persoas traballadoras vén reducida a súa xornada. Por iso preguntan se se está a levar a cabo unha redución das xornadas do persoal subrogado por orde do Concello e cal sería o motivo desta decisión.
Respecto polas condicións de subrogación
Sinalan que os pregos de 2021 contabilizaban 33.000 horas para o servizo de dinamización, e nos novos o Concello puxo 39.000, aínda que a empresa realizaba en realidade máis de 40.000. “Por que a pesar de que Serviplus estaba facendo de maneira regular ao redor de 10.000 horas por fóra do contrato ninguén no Goberno local se decatou?. E iso a pesar de que dende o ano 2024 a parte social remitía constantemente listados do persoal a subrogar actualizados, coas súas respectivas xornadas.
“Unha vez máis, despois dun ano de cobro con atraso das nóminas, de sete meses de traballo sen cobrar, de catro meses de espera para que o Concello autorizase o pago directo (parcial, xa que aínda se nos debe o 20’6%) agora espéranos un inicio de curso no que veremos reducidas as nosas xornadas en nada menos que 4000 horas, aproximadamente o correspondente a seis xornadas laborais”, lamentan.
Polo que reclaman que se respecten as condicións de subrogación, entre elas a xornada, e o compromiso de rematar coa precariedade e de apostar pola estabilidade para o persoal. “Cada vez é máis evidente que non virá ningunha empresa para nos salvar, polo que queremos a remunicipalización do servizo, e querémola xa”.