O comité do servizo de atención telefónica do 061 valora volver á folga
O comité de empresa do servizo de atención telefónica do 061 -conformado pola CIG, CUT e USO- valora volver convocar folga logo de que na xuntanza celebrada esta mañá con, Grupo Norte, coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, a concesionaria anunciara a súa intención de suspender o pago dos pluses acordados no laudo que puxo fin ao conflito derivado do traslado do centro de traballo á Estrada, do pasado mes de outubro.
Segundo explica o asesor da CIG, Renato Núñez, “esta foi a gota que colmou o vaso” dado que a mediación que se estaba a celebrar fora solicitada xa polos atrasos acumulados no cumprimento do mencionado laudo. “Lonxe de seguir avanzando na súa execución plena a empresa anuncia a súa decisión de incumprir o laudo”.
Este feito xunto coa decisión unilateral da empresa de reducir os pagos de incentivos en decembro de 2017 do 7,5% ao 5% da masa salarial e o incumprimento das cláusulas sociais ofertadas pola empresa no concurso no que gañou a concesión “son motivos máis que suficientes para retomar as mobilizacións”, sinala Núñez.
Neste sentido lembra que xa no pasado mes de novembro se fixo unha consulta ao cadro de persoal sobre a posibilidade de retomar as mobilizacións en caso de incumprimento do laudo que foi aprobada polo 78% das traballadoras e traballadores. O comité prevé a convocatoria de asemblea durante a semana que vén para ratificar esta decisión e, de ser o caso, convocar folga para principios de xaneiro.
O asesor da CIG sinala que xa a consellaría de Sanidade foi condenada por ter decretado uns servizos mínimos abusivos do 100% e agarda que de se convocar, desta volta, xa sería posíbel unha folga efectiva na que o persoal non tería a obriga de ir a traballar.