O comité do SAF de Compostela non descarta iniciar mobilizacións e mesmo convocar folga en maio
O comité de SERVISAR, concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar do concello de Santiago, non descarta iniciar mobilizacións, e mesmo a convocatoria de folga no mes de maio, logo de que a empresa propuxera, na xuntanza celebrada esta mañá, modificacións que empeoran as condicións laborais das traballadoras.
A reunión estaba convocada para constituír a mesa negociadora para intentar mudar as condicións de traballo das auxiliares do SAF. Segundo explica Roberto Alonso, representante da CIG-Servizos, a empresa puxo sobre a mesa pasar ao persoal que traballa de luns a venres, a traballar de luns a domingo cos descansos regulamentarios.
No caso do persoal con xornada continua SERVISAR anunciou que pasarían a estar a quenda partida e canto ao persoal con contratos a tempo parcial, presentou a proposta de aplicarlles unha redución de xornada do 25%.
Alonso indica que na propia memoria explicativa a empresa concesionaria insiste en varios apartados na responsabilidade do concello e das persoas usuarias pola súa “inflexibilidade” para mover os horarios da prestación de servizos. “Indicou ademais que, de se permitir esta flexibilidade, a empresa non tería que adoptar estas medidas”.
O representante da CIG entende que se trata dunha proposta inasumíbel porque supón “un empeoramento das condicións de traballo, especialmente para o persoal a tempo parcial que ten as condicións máis precarias e aínda propoñen reducirlle un 25% máis a súa xornada”.
Do mesmo xeito, a CIG-Servizos rexeita a proposta presentada para as traballadoras que están a tempo completo porque “partir horarios e ampliar a xornada de luns a domingo dificulta enormemente a conciliación familiar”.
Xunto a isto Alonso lembra que a empresa ten pendente ademais o incremento salarial de parte do IPC do ano 2021, tal e como recolle o convenio, que sería dun 3,4% xa que “ao final abonou o 3,1% máis o IPC do ano 2022, do 5,7 tras da intervención da Inspección de Traballo”.