
O comité do SAF de Ames denuncia os incumprimentos de Osventos Innovación en Servizos S.L, concesionaria do servizo

O comité de Osventos Innovación en Servizos S.L, conformado por 5 persoas -todas elas da CIG- denuncia os incumprimentos da concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar de Ames en materia laboral e a falta de resposta do concello, malia térenlle solicitado varias xuntanzas.
O comité acusa á empresa de non respectar o requirimento da Inspección de Traballo, no que se apuntan os incumprimentos no referido a descanso semanal, a descanso entre xornadas de 12 horas, ao pagamento de forma de incorrecta, á bolsa de horas trimestral ou non abonar o plus de festivos nas vacacións.
Xunto a isto denuncia a “pasividade” e a “falta de resposta” por parte do Concello de Ames, despois de ter solicitado a CIG-Servizos varias xuntanzas co goberno municipal para denunciar esta grave situación.
Riscos laborais
O comité subliña ademais a situación en materia de prevención de riscos polos problemas que sofren as auxiliares en varias casas, con diferentes persoas usuarias, así como as súas familias.
Neste sentido alerta da ausencia de medidas por mor do trato degradante e vexatorio que sofren as traballadoras e que consideran que “non se poden tolerar a día de hoxe, e máis nun colectivo feminizado e precarizado como é o sector de axuda no fogar”.
Diante desta situación, a CIG-Servizos está a valorar iniciar novamente mobilizacións neste concello e mesmo dar traslado á Fiscalía para que actúe de oficio por incumprimento da normativa laboral en materia de prevención de riscos.