O comité do Hotel Balneario da Toxa rexeita o ERE presentado por Hotusa para todo o persoal

A representación sindical denuncia que a medida é unha coacción ás persoas traballadoras para que acepten condicións máis precarias
O Grove - 15 Nov 2024

O comité de empresa do Hotel Balneario Eurostars Illa da Toxa, con maioría da CIG, compareceu onte en rolda de prensa en Vilagarcía para rexeitar o ERE extintivo presentado polo establecemento do grupo HOTUSA para todo o cadro de persoal. Dende a representación sindical denuncian que con esta medida preténdese coaccionar as persoas traballadoras para que acepten a imposición dunhas condicións laborais máis precarias.

De feito, na propia comunicación do ERE a compañía expresa a necesidade de aplicar “inicialmente” un ERE ao conxunto do persoal esgrimindo causas organizativas e da produción, mais propón como alternativa a transformación de 17 contratos indefinidos en fixos descontinuos e outros catro indefinidos en indefinidos a tempo parcial. O restantes 15 empregados/as serían despedidos. 

A representación sindical reclamará a retirada do ERE na próxima reunión do período de consultas que terá lugar este luns

A representación do persoal considera que se trata de despidos “inxustificados”, xa que nos seus informes a empresa sostén que o establecemento é deficitario por falta de demanda en períodos de temporada baixa. “Pero o certo é que verdadeiro motivo é falta de oferta e unha xestión deficiente na explotación do hotel”.

Mais tamén “fraudulentos”, tendo en conta que a empresa os pretende levar a cabo despois de que o persoal non aceptase as propostas trasladadas pola dirección que mesmo incumprían o convenio colectivo (vacacións, calendario laboral, etc). Neste senso, censuran a absoluta falta de vontade do director de área de explotación do grupo Hotusa para chegar a acordos co comité, ao que acusan de “impoñer no canto de negociar”.

Mala fe e abuso de poder

Detrás desta decisión empresarial agocharíase tamén os plans para converter o hotel nun establecemento de temporada, deixando de prestar servizos como o de restauración (de feito despiden a todo o persoal deste departamento) e o de balneario (tamén prescinde de todo o persoal). Para o que opta por externalizar a xestión do balneario, pero non a unidade produtiva, “tratando deste xeito de impedir a subrogación do persoal”.

É nos departamentos de recepción e mantemento nos que pretenden que as persoas traballadoras acepten transformar os seus contratos, o que no caso das que pasasen a fixas descontinuas suporía a perda dun terzo do traballo anual, e polo tanto dos ingresos. E no caso dos indefinidos a tempo parcial suporía a perda do 50% da xornada anual e da mesma porcentaxe dos ingresos. “Moito nos tememos que algunhas persoas poderían aceptar estas condicións por medo a perder o seu emprego”, lamentan dende o comité.

A próxima xuntanza do período de consultas do ERE terá lugar este luns 18 de novembro. “Imos propoñer a retirada do ERE ao consideralo totalmente inxustificado, e porque constitúe unha ameaza e unha agresión contra as persoas traballadoras para que acepten a imposición dunhas condicións laborais máis precarias a cambio de manter o seu emprego nalgúns casos”. Finalmente, acusan a empresa de actuar de mala e con abuso de poder.