O comité do Concello de Redondela alerta do progresivo esmorecemento dos servizos públicos
O comité de empresa do Concello de Redondela vén de alertar sobre o progresivo esmorecemento dos servizos públicos como consecuencia da xestión dun Goberno local "cuxa única finalidade é de afondar na súa privatización", o que empeora a atención que se lle presta á veciñanza. Falta estrutural de persoal -con 20 prazas vacantes dende hai anos- e vehículos municipais e equipos de traballo deteriorados son as principais problemáticas que denuncia a representación sindical.
Ante este estado de cousas, a asemblea de persoas traballadoras públicas do Concello de Redondela decidiu por maioría o pasado 15 de outubro emprender unha serie de actuacións para denunciar e mostrar a súa preocupación “pola deriva que están a tomar os acontecementos”. Posteriormente o comité de empresa, nunha reunión extraordinaria celebrado o día 23, decidiu, entre outras medidas, facer pública a situación mediante unha comunicado que hoxe mesmo lle foi remitido aos medios de comunicación. Dende a representación sindical explican que se trata da primeira das medidas previstas fronte a un deterioro dos servizos públicos que xa motivou mobilizacións con anterioridade.
O Goberno local empéñase en manter ano tras ano unha media de 20 postos de traballo vacantes
Lembran que ao longo destes anos veñen denunciando a falta de persoal, xa que a pesar de que todos e cada un dos postos de traballo do Concello teñen unha partida económica reservada para pagar o salario de todo o ano “o Goberno local empéñase en manter ano tras ano unha media de 20 postos de traballo vacantes, co prexuízo que isto ten tanto para a atención e a solución de problemas á veciñanza, como para o seu propio desenvolvemento e defensa dos seus intereses”.
Desleixo inxustificábel
Ao mesmo tempo, sinalan o estado de abandono no que se atopan os vehículos municipais e os equipos de traballo, “que nalgúns casos caen a cachos”. Os vehículos de Obras e do Servizo de Emerxencias son moi antigos e non saen do taller, e algúns deles xa teñen protagonizado algunha incidencia polo seu mal estado, “pero este Goberno non o toma en serio e non fai practicamente nada por reverter a situación”. O feito de non ter uns equipos de traballo en condicións -denuncian- retarda o traballo, supón un esforzo extra e pon en perigo a seguridade das persoas traballadoras.
“Estamos nun punto onde o Goberno intenta negarnos as mudas anuais de roupa de traballo, algo que non lembran nin as persoas máis veteranas”. Até o punto de que acusan a concelleira de Persoal de ameazar de forma velada con non cumprir un acordo ao que chegou co comité anos atrás para a mellora do vestiario se esixen a entrega da roupa anual. “Esta roupa levámola solicitando dende o mes de febreiro polo, que non hai escusa que xustifique o desleixo”.
Por iso sosteñen que semella que a intención do Goberno é facer esmorecer os servizos públicos coa intención de privatizalos, “pero como se pode ver coas privatizacións que xa está levando a cabo as facturas multiplícanse e o Concello arruínase; fálase de remunicipalizar servizos e nin sequera son quen de ter o cadro de persoal completo”.