O comité do aeroporto de Santiago solidarízase co pasaxeiro infartado o pasado 3 de abril
O Comité de Centro do Aeroporto de Santiago vén de transmitir a súa solidariedade aos familiares do pasaxeiro que o pasado martes día 3 de abril sufriu un infarto no aeroporto e que apenas 14 horas despois faleceu no Hospital Clínico de Santiago.
Para o Comité de Centro do Aeroporto de Santiago o acontecido vén corroborar a posición dos/as representantes dos/as traballadores/as de que “a eliminación do Servizo Sanitario e a substitución do mesmo por un protocolo de actuación delegando no 061 está totalmente afastado de calquera criterio sanitario”.
Política de recortes
O comité denuncia que as políticas de recortes de AENA no Aeroporto de Santiago están tendo consecuencias nos servizos que se prestan aos/ás usuarios/as e traballadores/as,. Ademais considera que “é un sen sentido, cando temos máis actividade que nunca e non para de medrar o número de pasaxeiros e destinos”.
Neste sentido advirte da proximidade do Xacobeo e afirman que “o noso aeroporto precisa dun Servizo Sanitario a altura de tal acontecemento”.
Asegura que o Comité o que quere é “defender os intereses da cidadanía galega e dos/as usuarios/as do seu principal aeroporto”. Por iso xa tiña reclamado a AENA a non eliminación do Servizo Sanitario.
Lembra que o comité de centro vén loitando polos intereses dos/as usuarios/as do aeroporto e leva anos denunciando ante a Dirección de AENA en Santiago o malestar pola redución do servizo e reclamando a cobertura total dun Servizo Sanitario de 24 horas.
Considera “escandaloso” que AENA, cun beneficio de 1.232 millóns de euros en 2017 –un 5,8% máis ca o ano anterior- e cun aumento dun 37,4% dos beneficios no primeiro trimestre de 2018, até chegar aos 11,1 millóns de euros máis que no 2017 “estea economizando nun servizo tan básico como é o Servizo Sanitario no principal aeroporto galego”.