O comité do 112 solicita aos grupos parlamentarios que recollan nos seus programas o rescate do servizo
Unha representación do comité do 112, a central de emerxencias da Xunta de Galiza, iniciou esta mañá unha rolda de contactos cos grupos parlamentarios para demandar que nos seus programas electorais para as vindeiras eleccións recollan o rescate do servizo. As primeiras xuntanzas celebráronse co BNG e o PSOE, o vindeiro xoves está confirmada a reunión co grupo Común de Esquerda e agardan ser tamén recibidas polo PP, que aínda non contestou á súa solicitude.
Segundo explica a presidenta do comité, Isabel Moares, o 112 “é un servizo moi sensible e ten que ser público, porque as empresas privadas van en busca de beneficio e non teñen como obxectivo mellorar a xestión das emerxencias”.
Por iso entenden que deben ser xestionado directamente pola administración que ten que revisar e garantir o seu bo funcionamento. “Temos un problema de dimensionamento real, precísase máis persoal e hai que mellorar e actualizar os protocolos a seguir en función de cada emerxencia porque non sempre son claros abondo”, sinala Moares, quen denuncia que esa falta de claridade provoca que “non poucas veces se triplique o trabalo innecesariamente”.
Central coordinadora de emerxencias
O comité reclama ademais que o 112 sexa realmente unha central coordinadora de emerxencias e non só de información aos medios. “Teriamos que poder decidir cales son os medios que hai que mobilizar, en función da emerxencia á que nos enfrontamos e non limitarnos a informar a eses medios da emerxencia que hai”, explica a presidenta do comité. Ao seu entender este paso é imprescindíbel para que haxa unha integración real de todos os servizos de emerxencias porque “mentres non sexa así, o 112 non funcionará como debería”.
Xunto a isto, considera que sería moi importante informar ao conxunto da cidadanía de cales son as funcións concretas do 112 porque “moitas veces temos que atender e xestionar cuestións que non son realmente emerxencias, algo que non ocorrería se a xente soubera que tipo de servizos presta”.
Competencias “moi repartidas”
A representación do comité manifestou a súa satisfacción coa posición manifestada polo deputado do BNG, Luís Bará, quen coincidiu en considerar que o 112 ten que ser un servizo público aínda que a súa reversión non se poida facer dun día para outro porque agora mesmo as competencias están moi repartidas.
A este respecto, a representante do grupo socialista Patricia Vilán Lorenzo, adiantou que o PSOE ten previsto facer unha visita ás instalacións do 112 e que, para valorar o rescate primeiro terían que facer unha cuantificación do seu custo.
Solidariedade co persoal do 061
As representantes do comité do 112 quixeron ademais manifestar a súa solidariedade coa loita do persoal da central de chamadas do 061 que tamén hoxe se entrevistaron cos grupos parlamentarios e agardan agora ser recibidos á maior brevidade posible polo alcalde da Estrada.