O comité denuncia que Teleperformance "continúa facendo caso omiso das reivindicacións do persoal"
O comité de Teleperformance acordou retomar as mobilizacións para esixir unhas condicións laborais e salariais dignas ante o menosprezo da empresa "que continúa facendo ouvidos xordos as nosas reivindicacións". Así, teñen convocada unha concentración o vindeiro venres, 21 de maio, ás 12:30h, diante das oficinas de Teleperformance no Polígono da Agrela.
O delegado da CIG, Tino Fernández, denuncia que o persoal se atopa na mesma situación de precariedade, ou incluso peor, que no ano 2019, "sen ter avanzado nin que se dea solución ás problemáticas que xa viñamos arrastrando dende entón". Neste senso, explica que a empresa segue aplicando continuos descontos en nóminas por ausencias debidamente xustificadas, así como polas desconexións por fallos técnicos que son responsabilidade da Teleperformance; e continúa sen ofrecerse formación adecuada e sen darse apoio tanto no centro como no teletraballo.
Xunto a isto, o comité denuncia a implantación dunha ferramenta única para a comunicación coa empresa con múltiples deficiencias e erros "que deixa totalmente indefenso o cadro persoal e limita o traballo sindical da representación legal dos traballadores e traballadoras". Engaden tamén que a dirección non traslada información puntual ao comité e critican a "ausencia de vontade de Teleperformance para acadar puntos de encontro".
Xuntanza coa xefatura da Inspección
Ademais, apunta Tino Fernández, o comité vai solicitar unha xuntanza coa xefatura da Inspección de Traballo "a fin de transmitir a pasividade e falla de implicación por parte desta institución de cara á nosa situación, denunciada de maneira reiterada pola representación do persoal, e que non recibe a correspondente e necesaria resposta pola súa parte, o que fai que a empresa estea cada vez máis reforzada nas súas posicións".