O comité denuncia o estado de total abandono da planta de Lousame e a manifesta incapacidade de xestión da Mancomunidade
O comité de empresa de FCC alertou do estado de absoluto abandono no que se atopa a planta de tratamento de residuos de Lousame e denunciou a manifesta incapacidade da Mancomunidade da Serra do Barbanza (propietaria das instalacións) para xestionar adecuadamente este servizo e darlle solucións aos múltiples problemas que arrastra.
O representante da CIG e voceiro do comité, Paulo Rubido, lembrou que os problemas veñen de hai máis dunha década pola falta de mantemento, conservación, renovación ou adecuación da planta aos cambios normativos. Cuestións nas que, criticou, "a Mancomunidade amosou unha incapacidade total de xestión".
Puxo como exemplo o feito de que no prego do contrato se prevía que no ano 2013 a Mancomunidade renovara toda a flota de camións, pero como esta renovación non se produciu, de xeito continuo rexístranse eivas na recollida viaria polo mal estado dos camións.
Pero máis grave é que o contrato que vinculaba a FCC coa Mancomunidade -cunha duración de 20 anos- rematou a súa vixencia en setembro 2023 sen que o ente comarcal tivera elaborado uns novos pregos. Iso, a pesar de que xa en 2020 o comité advertiu desta situación e da necesidade de adecuarse á nova normativa da UE. "Pero chegou setembro sen que fixeran absolutamente nada: nin prepararon os novos pregos, nin pactaron prórroga coa empresa, tendo que ir a unha prórroga forzosa que implica unha actualización dos prezos e pagar por facturación, cun menor control e peores condicións económicas".
Outro foco de problemas está no vertedoiro, que xa superou a capacidade de asumir rexeites, sen que até o momento se teñan iniciado os trámites para a construción dun novo. "A estas alturas (co vertedoiro colmatado e a punto de comezar o seu selado) non hai nin autorización administrativa, nin lugar para situar o novo". Isto implica que todos os rexeites teñen que ser trasladados en camión a Sobrado "xerando un sobrecuste que asumen os veciños e veciñas do Barbanza".
Perda de subvencións e da metade do financiamento de Ecoembes
Que o comité está máis preocupado polo futuro das instalacións que a propia institucional supramunicipal, parece evidente. No mes de xuño, a Consellaría de Medio Ambiente, no marco dos contactos periódicos coa representación do persoal, informou que ía sacar unha liña de subvencións específica para as plantas de tratamento con modelo húmido-seco. "Avisamos a Mancomunidade e a empresa e, conxuntamente, perderon a subvención porque non foron capaces de presentar nin un só papel", lamentou Rubido.
De igual xeito, en outubro pasado, o comité reuniuse coa directora xeral de Medio Ambiente para tratar a situación con Ecoembes, tras instar esta organización a FCC a adaptarse ao novo sistema e condicións estabelecidas pola UE, que implica unha reorganización dos colectores nos concellos da Serra do Barbanza.
"Mais outra vez, non fixeron absolutamente nada e dende xaneiro estase perdendo un millón de euros (o 50%) do financiamento achegado por Ecoembes".
A empresa actúa sen control
Neste escenario, FCC actúa cun "absoluto pasotismo", incorrendo no mínimo gasto na planta de Lousame "e ninguén se preocupa de comprobar se cumpre coas súas obrigas como concesionaria". A tal punto é o descontrol que a empresa chega a utilizar as instalacións e o taller de Lousame como sede loxística para outros contratos con administracións locais. Así, Rubido denunciou que FCC arranxa nos talleres de Lousame camións da recollida de lixo de municipios alleos á Mancomunidade (como o de Padrón ou o da Illa de Arousa que se pode ver na galería de imaxes que acompaña esta información) ou doutros servizos que non gardan relación (como a furgoneta de xardinería de Brión que tamén se pode apreciar na galería).
Na comparecencia ante os medios amosáronse tamén fotografías que evidencian o estado deplorábel das instalacións: cadros eléctricos sen portas, tromel e liñas de triaxe que non cumpren as mínimas condicións de seguridade; unha nave completamente desfeita durante un temporal e que nunca se reconstruíu; camións con estribeiras feitas a man cunha corda; maquinaria vella, con rodas gastadas, á que lle faltan pezas (como o cazo dunha pala-excavadora), que require de reparacións continuas ou que directamente está inutilizada porque xa nin sequera de arranxa.
Sacaron tamén imaxes das toneladas de rexeites acumulados no medio da planta á espera de seren trasladados a Sobrado e das ducias de colectores estragados que se recollen nos diferentes concellos adheridos, pero que nunca se arranxan e que polo tanto non se volven repoñer nos municipios.
Urxe a intervención da Xunta
Ante esta gravísima situación, o comité exixiu a intervención da Xunta de Galiza e que todos os grupos parlamentares acorden unha fórmula (ben sexa a través dun convenio de colaboración, ben a través da integración da planta na rede de tratamento de residuos autonómica, mantendo o seu modelo específico) para garantir a participación da administración galega na planta de Lousame, unha xestión adecuada e o mantemento dos máis de 160 empregos.
Con este obxectivo, o comité solicitarán reunións con todos os grupos con representación no Parlamento para explicarlle cales son as súas demandas e pedir o seu apoio político.
A este respecto,o representante da CIG recalcou que a Xunta de Galiza ten que adaptarse a normativa europea sobre tratamento dos residuos orgánicos e, neste marco, require de novas plantas para a elaboración de compost. Aí encaixaría a integración das instalacións de Lousame, unhas das mellores por localización xeográfica, climática, mínima afectación a vivendas ou enorme capacidade de ampliación, xa que todos os terreos que a rodean son propiedade da Mancomunidade.
"Chegados a este punto, é case unha obriga que a Xunta tome as rendas desta planta e continúe co modelo que no seu día demostrou ser exitoso, que se adapte á normativa europea e que este proceso se faga dende o consenso político", concluíu.