O comité denuncia ante Inspección a Autobuses Urbanos de Ourense por incumprir a lexislación laboral
O comité da empresa Autobuses Urbanos de Ourense presentou este luns unha denuncia perante a Inspección de Traballo polos reiterados incumprimentos da lexislación laboral en materia de descansos; recoñecemento médico; aseos en cabeceiras de liñas; atrasos; excesos de xornada ou local e taboleiro sindical.
Respecto do recoñecemento médico anual o comité asegura que parte do cadro de persoal, agás o de administración, (condutores, taller e inspección) está sendo citada para o recoñecemento médico anual fora da súa xornada laboral. “Se o traballador/a ten quenda de tarde cítase pola mañá para o recoñecemento sen que medie compensación algunha nin económica nin en tempo de descanso”. Por iso solicita que o tempo necesario para o recoñecemento médico teña a consideración de “ tempo de traballo” a todos os efectos.
Servizo nocturno “Moucho Bus”
Canto ao servizo de “Moucho Bus”, que funciona en vésperas de festivos, venres é sábados, o comité sinala que o horario estipulado é, en venres, de 22:35h a 6:55h e sábados e vésperas de festivos de 22:35h a 7:40h.
Apunta que este último horario excede da xornada máxima de 9 horas e denuncia que “se están a vulnerar os períodos de descanso dos traballadores e incumprindo o cuadrante de descansos que figura no convenio”, que prevé períodos de cinco semanas con descanso de dous fins de semana e un domingo.
O comité entende que tamén o límite das 40 horas semanais reflectido en convenio está superado porque o traballador/a que remata o servizo as 23:00 horas do xoves, comeza o servizo de Moucho ás 22:30h do venres, até as 6:35 horas do sábado, cando o sábado sería o seu día de descanso semanal por cuadrante. É dicir “estanlle detraendo 6,35h. do seu descanso”.
No caso de sábados e vésperas de festivos o traballador remataría o seu período semanal ás 23:00h. do venres comezando o servizo de Moucho ás 22:30 do sábado e rematando as 07:35h. do domingo. Neste caso, afirma o comité, estánselle a detraer 7,45 horas da súa xornada de descanso. Ademais explica que se pode dar o caso de que o mesmo traballador comece a súa quenda semanal o luns as 6:00h transcorrendo só 11:00h. entre ambas xornadas.
O que demandan, xa que logo, é que a empresa respecte os descansos; os cuadrantes historicamente fixados en convenio; os descansos entre xornada e que “non siga a entorpecer o labor do Comité coa ocultación reiterada de información relativa a este servizo”.
Aseos en cabeceiras de liñas
O comité denuncia ademais que os condutores do Servizo de Transporte Urbano de Ourense na actualidade carecen de aseos/urinarios nas cabeceiras das liñas. Lembran que hai persoal condutor feminino que ten que aguantar a media de horas de condución por quenda, que é de 9 horas. Por iso, non só apelan por “un tema de saúde dos traballadores/as, senón tamén á dignidade dos mesmos/as”.
O comité solicitou a instalación destes elementos en reiteradas ocasións dirixíndose tanto á empresa como ao concello de Ourense. Mais aínda non dispoñen deles. Por iso demandan da Inspección unha actuación “inmediata e contundente”, á vista de que é unha cuestión que está solucionada xa na maioría dos servizos de transporte urbano de Galiza.
Atrasos, plus de persoal
O persoal secundou nove días de folga. Un conflito que rematou cun acordo no AGA no que se especificaban os incrementos para os anos 2020, 2021, 2022 e 2023 e que engloban todos os conceptos salariais derivados do articulado do Convenio. Porén, indica o comité que “recentemente comprobamos na nómina de abono de atrasos correspondente ao ano 2020 que o complemento persoal (Art.21) no caso dos traballadores de taller, administración e inspección non se lle aplica”.
Entenden que na liquidación de actualización de cotizacións a empresa tampouco está a incluír estes incrementos nese concepto, vulnerando o acordo de sinatura de convenio que prevía o abono de atrasos entre os meses de Xullo e Agosto, sen que se contemple en ningún momento o seu prorrateo como pretende facer a empresa.
Por iso demandan da Inspección que inste a Autobuses Urbanos de Ourense ao cumprimento integro dos acordos e as obrigas económicas e tributarias que dos mesmos se derivan.
Local e Taboleiro sindical
O local, con medios axeitados para desenvolver o labor sindical, foi outra das solicitudes non atendidas pola empresa que alega unhas supostas reformas que non acaban de iniciarse. Xunto a isto solicitaron a reubicación do taboleiro sindical a unha zona de acceso máis seguro e visibilidade sen que até a data de hoxe a empresa accedera tampouco a esta petición malia ter un custo mínimo”.