Demandan dotar o 2º andar da residencia de maiores das Gándaras para que funcione como asistido
O comité de empresa da Consellería de Política Social en Lugo demanda a dotación de persoal necesario en todas as categorías para poder poñer a funcionar o 2º andar da Residencia de Maiores das Gándaras como unha planta de persoas asistidas, na que se garantan as necesidades dos seus usuarios e os dereitos dos/as traballadores/as.
Explican que hai uns anos, debido ao deterioro das persoas usuarias e a media de idade cada vez máis elevada para entrar na residencia, levou a que o 1º e 3º andar, dotados con persoal sanitario, e dedicados a prestar atención a residentes que necesitan atención, quedaran escasos, sendo preciso dotar o 2º andar con persoal sanitario e reforzar outros colectivos para dar atendido as demandas e necesidades de todos os usuarios e usuarias da residencia.
"Pero a día de hoxe a situación volveu empeorar, xa que a carga de traballo no 2º andar é similar á do 1º e 3º, pero a dotación de persoal é moito máis escasa, polo que a atención prestada non pode ser a mesma, xa que non hai tempo material nin efectivos de persoal para poder atender do mesmo xeito", subliñan. A isto hai que engadir a situación de crise sanitaria que estamos a vivir, que fai que o traballo se duplique debido ás medidas adicionais que se deben adoptar para previr a propagación da Covid-19 dentro da residencia".
Para o comité, esta situación "deixa ver a urxente necesidade de poñer a funcionar o 2º andar como unha planta de persoas usuarias dependentes, coa conseguinte dotación de persoal necesario en todos os colectivos afectados".