O comité de XEAL solicitará reunións coas administracións para exixir garantías de continuidade das fábricas
A reunión celebrada no día de onte coa nova propietaria das fábricas de ferroaliaxes e as centrais hidroeléctricas, Energo-pro, só serviu para xerar máis incerteza sobre o futuro das factorías e os empregos. Diante desta nova operación especulativa, a representación social solicitará reunións coas distintas administracións para valorar a situación e ten convocadas asembleas o vindeiro luns nas fábricas para informar o persoal.
O comité entende que, unha vez máis, o único interese que hai nesta venda é facer negocio a conta da produción de enerxía, co agravante de que nesta ocasión, ademais das centrais e os encoros, tamén se inclúe na operación unha sociedade da que até o momento a dirección negaba que tivera relación con XEAL, mais a través da que se pretende construír e explotar a estación reversíbel de bombeo do Monte da Ruña.
"O fondo Feroe Ventures & Investments non está suxeito ás obrigas da cláusulas das concesións que vinculan a produción de enerxía coa produción industrial, que foron concibidas como a mellor garantía de salvagardar o interese xeral, garantindo o emprego e a viabilidade das fábricas. Que se inclúa este fondo especulativo na venda evidencia que o interese está unicamente nos substanciosos beneficios do negocio eléctrico, algo que levamos anos denunciando", advirten.
No continuado proceso de desmantelamento e deterioro das fábricas e a perda de postos de traballo, o comité non pode ver máis que con receo esta operación, xa que non se dan as garantías dun plan industrial e de viabilidade, non existe compromiso de rearranque dos fornos nin de mantemento dos empregos, nin de que se vaian executar os investimentos comprometidos.
Por iso, ante o serio risco de que se materialice pola vía dos feitos a segregación da produción eléctrica da produción de enerxía, o comité insta a intervención da Xunta de Galiza, que vele polo estrito cumprimento da legalidade e se dean garantías reais de continuidade das fábricas e dos empregos. "A Xunta non pode permanecer de perfil cando nesta operación existe un elemento novo que non forma parte do ámbito concesional: a sociedade Feroe", aseveran.
Neste senso, o comité recibe con sorpresa o entusiasmo amosado polo presidente da Xunta de Galiza ante o anuncio da compra e asegurando que Energo-pro é unha empresa "deste sector" e que "coñece este negocio". "Preguntámonos a que sector se refire Alfonso Rueda e se o Goberno galego xa dá por perdidas as fábricas de ferroaliaxes, algo que constituiría un agravio para toda a comarca".
Para aclarar estas cuestións e lembrarlle que o complexo da Costa da Morte está conformado polas centrais, os encoros e as dúas factorías, e que existen unhas cláusulas de obrigado cumprimento ratificadas polo TSXG, o comité vai solicitar unha reunión coa Xunta de Galiza para abordar a nova situación así como tamén pedirá xuntanzas coas administracións locais afectadas.