O comité de XEAL solicita reunións cos grupos parlamentares para que se sumen as súas demandas
O comité de XEAL ven de solicitar a todos os grupos parlamentares unha xuntanza para trasladarlles a súa preocupación polo novo intento de segregación encuberto das actividades e que se sumen ás súas demandas dun Plan Industrial e de Viabilidade das Fábricas. O comité dirixiuse tamén, no mesmo sentido, ao concello de Mazaricos, Augas de Galiza e a consellaría de Industria.
O comité agarda ademais, que os grupos parlamentares trasladen a súa demanda ás Administración Públicas e á Empresa de que calquera autorización administrativa para novos aproveitamentos hidráulicos para a produción de electricidade (aproveitamento do caudal ecolóxico do encoro de Santa Uxía e proxecto de estación reversíbel de bombeo no monte da Ruña) deberá estar condicionado ao cumprimento da lexislación aplicable en vigor (incluída a medioambiental), ao cumprimento e acatamento pola Empresa das cláusulas concesionais de acordo aos termos interpretados recentemente pola sentenza do TSXG do 5 de novembro de 2020.
Exixe ademais que a empresa presente un Plano Industrial e de Viabilidade das fábricas, tendo en conta que as actividades de xeración de enerxía eléctrica e de fabricación de ferroaliaxes forman unha unidade produtiva única, así como o restabelecemento e fixación dun número mínimo de cadro de persoal en relación o nivel de emprego existente no ano 2019, e da aplicación do convenio colectivo de Xeal Cee Dumbría Centrais Hidroeléctricas actualizado.
Isto xunto coa apertura dunha negociación entre todas as partes afectadas: Xunta de Galicia, Empresa, Concello de Mazaricos e comité de Empresa a fin de darlle aprobación ao sinalado no apartado anterior.