O comité de XEAL solicita aos grupos parlamentares e á Deputación que insten a Xunta a recoñecer a nulidade da venda
O comité de XEAL (antiga Ferroatlántica de Cee, Dumbría e as centrais hidroeléctricas) vén de remitirlle cadanseu escrito á Deputación da Coruña e aos diferentes grupos parlamentarios para que leven a debate e aprobación destas dúas institucións, declaracións en apoio ás reivindicacións do persoal.
Concretamente, o comité solicita da Deputación e do Parlamento que se inste a Xunta de Galiza a que recoñeza a nulidade da operación de venda realizada por FerroAtlántica (Grupo FerroGlobe) a TPG-Ithaka, por non terse requirido a autorización administrativa previa correspondente, tal e como se requiriu no ano 1992 para a adquisición da entón Carburos Metálicos.
Xunto a isto, o comité pídelle ás administracións que interveñan ante a empresa "para demandar a inmediata posta en marcha dos fornos e a cobertura de todos os postos de traballo destruídos tanto no cadro de persoal, como de emprego eventual como na industria auxiliar, dende a chegada de Ithaka á dirección" De igual xeito, que intercedan pola readmisión do traballador inxustamente despedidos nas últimas semanas.
O comité reitera a fraude que supuxo a operación de cambio de titularidade das centrais e do complexo industrial de FerroAtlántica, xa que na práctica, dende xuño de 2019 "as fábricas veñen funcionando como unha maquila de FerroGloble", sendo este grupo o provedor exclusivo da materia prima e o comprador único de toda a produción, "o que constitúe unha segregación encuberta das actividades de ferroaliaxes e enerxía e polo tanto, unha actuación contraria ao establecido nas cláusulas concesionais".
Critican que nin FerroAtlántica nin o fondo americano comprador adquiriron ningún compromiso por escrito do futuro funcionamento das factorías, nin fixeron entrega do contrato de compra-venda ou dos acordos desta, malia que así llo reclamou o comité en numerosas ocasións.
Abandono das fábricas
As fábricas, advirten, viven un proceso de desmantelamento progresivo, redución drástica da actividade dos fornos e destrución de emprego que pon en perigo a viabilidade das plantas de ferroaliaxes e a continuidade dos postos de traballo. Garantir a viabilidade industrial das fábricas é un requisito esencial recollido no titulo das concesións e en varias sentenzas xudiciais xa firmes.
A este abandono intencionado hai que sumar a política de persecución contra os traballadores e traballadoras iniciada pola dirección da empresa, que se materializa en despedimentos disciplinarios. E mentres isto acontece, a Xunta continúa sen actuar coa dilixencia que require esta grave situación e sen exercer as competencias en materia industrial e sobre as concesións.
Calendario de mobilizacións
Así as cousas, o comité continúa adiante co calendario de mobilizacións semanais e o próximo venres, 18 de xuño, o persoal concentrarase ás 14:45 horas, diante da fábrica de Brens.