O comité de XEAL solicita á Augas de Galiza que non autorice a central de bombeo na Ruña por vulnerar a cláusula de vinculación
O comité de XEAL vén de presentar alegacións á solicitude presentada pola compañía Feroe Venture & Investments SLU para a instalación dunha central de bombeo na Ruña (Mazaricos), por entender que vulnera a cláusula de vinculación societaria, que impide calquera concesión hidroeléctrica nos ríos Xallas e Grande distinta daquelas das que sexa titular a empresa titular da fábrica de ferroaliaxes de Cee.
O expediente atópase nestes momentos en fase pública de competencia de proxectos e dende o comité solicítase á Augas de Galiza, organismo competente, que desista do procedemento por vulneración desta cláusula de vinculación "que está plenamente vixente".
Subliñan que conceder unha nova concesión hidroeléctrica sobre estes ríos a unha empresa (Feroe Venture & Investments SLU) distinta da actual concesionaria, máxime se trata dunha nova central de bombeo nunha presa cuxa explotación hidroeléctrica xa está concedida á empresa Xeal SAU, actual titular da fábrica de ferroaliaxes, supón unha vulneración flagrante da claúsula substancial de vinculación societaria e, sería, por tal motivo, nula de pleno dereito.
Cómpre sinalar que, segundo o BORME, Feroe Venture & Investments é unha sociedade que ten por socio único a Kehlen Industries Management SL; "isto é, a empresa que en 2019 comprou Ferroatlántica a Ferroglobe".
Aumentar a actividade industrial e o emprego
Por iso, no caso de que Augas de Galiza decida continuar co expediente en virtude da vinculación societaria de ambas empresas, o comité reclama garantías do cumprimento da legalidade, esixíndolle á empresa un aumento da actividade industrial e do emprego na factoría proporcional ao rendemento económico que lle dará a nova concesión hidroeléctrica. "Pois, salienta, tal é a finalidade que a cláusula persegue, tal e como o TSXG e a propia Augas de Galiza teñen declarado".
Ademais, de proseguir coa tramitación, o comité demanda á administración galega que redacte os pregos de bases ao que ten de se suxeitar o concurso, de acordo co disposto no artigo 135 RPDH. Unhas das mencións obrigatorias de todos estes pregos de bases é a esixencia de determinadas condicións de solvencia económica e técnica á empresa concesionaria " que é dubidoso que unha empresa como a peticionaria, que incluíu no seu obxecto social a explotación de concesións hidroeléctricas hai apenas tres meses, poida reunir".
En calquera caso, o comité insiste en que calquera autorización administrativa que supoña un aumento da produción eléctrica e, polo tanto, máis beneficios para a empresa, debe ir acompañado dun incremento da actividade industrial nas fábricas e un aumento acorde nos cadros de persoal, porque só desta maneira se dará cumprimento ás garantías sociais recollidas nas cláusulas das concesións.