O comité de XEAL reclámalle a Rueda que vele polo cumprimento das cláusulas concesionais e o futuro industrial da comarca
O pPresidente do comité de empresa de XEAL fixo entrega o pasado venres dun escrito dirixido ao presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, aproveitando a súa presenza nun acto político en Cee. No escrito, o comité expón a crítica situación das fábricas e do emprego debido aos reiterados incumprimentos das cláusulas concesionais por parte da empresa, e reclámalle a Rueda que, como máxima autoridade do Goberno galego, inste a XEAL a presentar un plan industrial e de viabilidade e garanta que calquera autorización administrativa para incrementar a produción eléctrica cumpra escrupulosamente co estabelecido nas cláusulas concesionais.
O comité apela á responsabilidade da Xunta de Galiza no futuro industrial da comarca, por canto o dereito de explotación das centrais da Costa da Morte ten unha condición esencial -e única no contexto dos aproveitamentos hidráulicos en Galiza-, que é a súa vinculación co mantemento do emprego nas fábricas de Cee e Dumbría. E é precisamente a administración galega a que ten a potestade de autorizar ou retirar ditas concesións.
"Non se podería entender que a Xunta, que leva anos ignorando as demandas do comité para intervir ante os ataques da empresa ao emprego e ás condicións laborais, lle consinta agora a XEAL seguir engordando os seus beneficios a conta do prezo da luz, mentres destrúe postos de traballo, recorta a produción e leva as fábricas á ruína", subliñan.
A representación do persoal lembra que xa remitiu escritos na mesma liña a Augas de Galiza e á Consellaría de Industria tras coñecerse a intención de XEAL de aumentar a produción eléctrica a través de dúas novas explotacións, mais as súas demandas non foron atendidas. "Desde o comité entendemos que Augas de Galiza debe esixirlle á empresa un plan de viabilidade que contemple un incremento do emprego no complexo enerxético-industrial na mesma proporción que o aumento do caudal de auga solicitado para subir a produción de electricidade e, deste xeito, dar debido cumprimento á cláusula esencial das concesións, que vincula a produción de enerxía á produción de ferroaliaxes".
A este respecto, denuncian que dende que se efectivizou a fraudulenta operación de compra-venda en agosto de 2019, a empresa nunca presentou un plan viabilidade, tal e como se require nas cláusulas concesionais, senón ao contrario, "a situación nas fábricas é de desmantelamento progresivo e dun recorte drástico da produción (a dia de hoxe só hai un forno en marcha en cada fábrica), dos postos de traballo, cunha perda de máis de 30 empregos fixos e aproximadamente 80 eventuais, e da práctica desaparición de industria auxiliar".
A empresa ademais está atacando as condicións laborais, arrebatando as condicións conquistadas historicamente polos traballadores e traballadoras e as denominadas clases pasivas".
Descoñecemento da situación
Da exposición realizada, o presidente do comité de XEAL, Alfonso Mouzo, sorprendeuse do descoñecemento que da situación tiña o presidente da Xunta e máis no tocante á recente decisión da Xunta de Galiza de deixar sen práctico a ría de Corcubión e trasladar o guindastre de Brens. Unha decisión que facilita os plans de desmantelamento da empresa, ao deixar o porto de Brens inutilizado para poder descargar a materia prima que necesitan as fábricas e cargar o produto elaborado para a súa venta.
"A Xunta de Galiza polo tanto, faise cómplice deste desmantelamento con esta decisión de deixar inoperativo o porto e consinte as ilegalidades de XEAL ao non obrigarlle a cumprir coas cláusulas das concesións", reitera o comité.
Por todos estes motivos, aproveitando a visita de Rueda a Cee, acordaron facerlle entrega deste escrito para que, dunha vez por todas, o Goberno galego asuma a súa responsabilidade, promova a apertura dunha mesa de negociación na que estean presentes todas as partes e se poña do lado dos traballadores e as traballadoras. "E dicir, que defenda o mantemento dos empregos e o futuro industrial da nosa comarca antes que os intereses dun fondo estranxeiro que só vén especular e tirar beneficio a conta de explotar os recursos naturais que son de todas as galegas e galegos".