O comité de XEAL reclama que se manteña o guindastre no Porto de Brens e a recuperación da actividade produtiva
O comité de XEAL denuncia que o pasado venres se efectivizou a retirada do guindastre do Porto de Brens debido á práctica paralización da produción da ferroaliaxes por parte da empresa. Para a representación do persoal resulta paradoxal que despois do restabelecemento do servizo do práctico, nas condicións que se pedían, "a primeira manobra deste sexa para seguir avanzando en desmantelar o porto coa retirada do guindastre".
O traslado do guindastre ao porto de Langosteira pola falta de actividade constitúe un novo atranco ao futuro das fábricas de Cee e Dumbría e agrava o plan de desmantelamento industrial iniciado polo fondo TPG-Ithaka dende que se fixo coa propiedade do complexo.
"Sen o guindastre, o porto de Brens (malia ser unha infraestrutura tan longamente demandada pola comarca e que debería servir de impulsor da actividade económica local) queda infrautilizado para poder descargar a materia prima que necesitan as fábricas e cargar o produto elaborado para a súa venta", advirte o comité.
Neste senso, lembran que un guindastre destas características estaba pensado para operar en buques de gran tonelaxe e "tamén foi unha xustificación para a ampliación do porto para estes puidesen atracar, o que confirma o que tanto leva denunciado o comité, a intención da empresa de reducir a mínima expresión a produción de ferroaliaxes".
Por iso, a representación do persoal alerta da peor situación na que se atopan as fábricas a día de hoxe para poder continuar coa produción, manter os postos de traballo e garantir a viabilidade futura.
Diante deste escenario gravísimo, o comité apela novamente á Xunta de Galiza "para que deixe a un lado as proclamas electoralistas e asuma as responsabilidades sobre as que ten competencias directas, como son a industria e as concesións hidroeléctricas". E neste senso, o comité volve reclamar o cumprimento escrupuloso das cláusulas concesionais e que a empresa presente xa un plan industrial e de viabilidade que permita recuperar todas as capacidades produtivas e os empregos destruídos nos dous últimos anos.
De non facelo, subliñan, "está na responsabilidade do Goberno galego retirarlle a XEAL os dereitos de explotación dos aproveitamentos hidroeléctricos. De igual maneira, tamén está nas mans da Xunta de Galiza dotar o porto de Brens das infraestruturas necesarias para apostar claramente polo futuro industrial da comarca".