O comité de XEAL mobilizarase contra a supresión do servizo de practicaxe e o traslado da grúa de Brens
O comité de XEAL ten convocada unha concentración para o próximo xoves, 3 de novembro, ás 18:30 horas, diante das oficinas de Portos de Galiza en Corcubión en rexeitamento á supresión do servizo de practicaxe e o traslado da grúa do porto de Brens; así como para reclamar futuro industrial e emprego na comarca.
A decisión da Xunta de Galiza de recortar á metade os prezos do servizo ten provocado que a licitación quede deserta, deixando o porto de Brens inutilizado para poder descargar a materia prima que necesitan as fábricas e cargar o produto elaborado para a súa venta. Por se non fora abondo, denuncia o comité, "para rematar con calquera posibilidade de actividade no noso porto, tamén se vai trasladar a grúa de Brens ao Porto Exterior da Coruña".
Estas decisión da Xunta de Galiza supón un duro golpe á continuidade produtiva das fábricas de ferroaliaxes e ao mantemento dos postos de traballo, "ao que toda a Costa da Morte ten que responden con contundencia, reclamando o dereito a traballar e vivir dignamente na nosa terra".
Subliñan que XEAL vén incumprindo de maneira reiterada ás cláusulas das concesións hidroeléctricas, provocando o desmantelamento progresivo das fábricas, paralizando a produción até o punto de ter só un forno en activo en cada factoría, reducindo postos de traballo e recortando as condicións laborais do persoal. "Todo co obxectivo de pechar as fábricas e quedar co substancioso negocio da produción de electricidade, como evidencian as solicitudes administrativas que fixo para incrementar a xeración de enerxía".
Pero mentres XEAL acomete estas ilegalidades, "a Xunta de Galiza consinte e faise cómplice deste desmantelamento, ao non obrigarlle á empresa a cumprir coas cláusulas concesionais". Ao que hai que sumarlle agora a decisión de deixar sen práctico a ría de Corcubión e trasladar a grúa de Brens.
Por todo isto, aseveran que "aos traballadores e ás traballadoras de XEAL non lle queda outra alternativa que seguir pelexando e reivindicando o cumprimento das cláusulas". E por iso, o comité fai un chamamento a toda a cidadanía "para que se sume á concentración deste xoves en defensa do futuro da comarca, porque queremos actividade industrial e non especuladores da enerxía".