O comité esíxelle á Xunta que actúe ante a segregación encuberta de actividades que está a facer XEAL
O comité de XEAL (antiga Ferroatlántica de Cee, Dumbría e centrais) reclamoulle á Xunta de Galiza que abandone a pasividade na que está instalada dende que se efectivizou a operación de venda do complexo e que esixa dunha vez o plan de viabilidade ao que obrigan as cláusulas das concesións, ante a segregación encuberta que está a facer a empresa.
Na reunión mantida no día de onte co conselleiro Industria, Francisco Conde, e coa conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, os membros do comité reclamáronlle á Xunta que faga valer a lei e criticaron a lentitude coa que está a actuar diante do desmantelamento das fábricas e da drástica redución da produción.
Lembráronlle que a vinculación da produción de ferroaliaxes e a enerxética "é a mellor garantía do mantemento dos postos de traballo e da actividade nas fábricas" e neste contexto é obrigado que a empresa presente un plan de viabilidade no que, ademais, debe incluír un plan de rearranque dos fornos. De aí que na reunión se acordara trazar unhas liñas de actuación en común para abordar as demandas dos traballadores e das traballadoras e manter un contacto permanente entre administración e comité.
Segregación encuberta das actividades
Para a representación social o novo ERTE constitúe unha proba evidente de que a operación argallada entre Ferroatlántica e TPG-Ithaka é unha fraude, co único obxectivo de facer unha segregación encuberta das actividades, saltando o establecido nas cláusulas. "Isto supón un incumprimento flagrante da concesión ante o que a Xunta debe intervir de inmediato para garantir a salvagarda do interese público, e o mantemento de todos os empregos e da actividade industrial á que está ligado o dereito de explotacións das centrais".
No encontro tamén se demandou da Xunta que actúe contra o ERTE que a empresa comezou a aplicar o pasado 24 de setembro, atendendo ás competencias do goberno galego en materia laboral, e a que ese expediente foi negociado e asinado para outra empresa e con outra representación legal.