O comité de XEAL esixe medidas contundentes contra o responsábel de seguridade condenado por acoso sexual
O comité de XEAL demándalle á dirección de XEAL que adopten de inmediato medidas contundentes contra o responsábel do servizo de prevención da empresa, que foi condenado por acoso sexual a unha traballadora, da que ademais era o seu xefe directo. O comité esíxelle a dirección de XEAL, a Ithaka e ao fondo TPG Sixth Street Partners "que actúen de forma urxente e que protexan as traballadoras deste individuo".
O comité reclama medidas tan contundentes como que "se despida a este mando adxunto á dirección, do mesmo xeito que fixo con outros traballadores aos que antes despediron sen contemplacións, por cuestións menores e que non constituían en ningún caso unha vulneración dos dereitos fundamentais á igualdade e á integridade moral".
Despedimento dun membro do comité
Neste senso, lembran que XEAL despediu un membro do comité de empresa oito días despois de que fose testemuñar a favor da traballadora afectada, e demandan a readmisión, de forma urxente, deste compañeiro. "A representación social considera que esta medida, ademais de ilegal e que xa foi denunciada, é unha clara represalia polo seu papel como testemuña na vista".
Entenden que con este tipo de actuacións, XEAL intenta atemorizar ao cadro de persoal "para que non denuncien nin participen como testemuñas nas denuncias por acoso, coa única intención de deixar desamparadas as vítimas e protexer os acosadores".
Salientan que aínda que a sentenza non estimou a demanda contra a empresa, di literalmente “a lesión detectada afecta de forma directa á dignidade persoal, dentro do espectro das posibles condutas de acoso sexual ou análogas”. Por iso, sinalan que "XEAL ten unha obvia responsabilidade nesta vulneración dos dereitos sufrida pola traballadora e debe deixar de amparar este tipo de comportamentos machistas".
Responsabilidade da empresa
Apelan a María Couto, Pedro Escudero e Justo Trillo, que conforman a dirección da empresa, como "responsables de garantir que se respectan os dereitos fundamentais de igualdade e integridade moral de todas as traballadoras e os traballadores e perseguir os comportamentos inadecuados, especialmente cando se dan en situacións nítidas de abuso de poder".
A este respecto, critican que malia que os feitos foron denunciados en outubro do 2020, "a empresa en todo momento protexeu ao acosador. Cómpre lembrar que a dirección da empresa por medio da súa Directora Corporativa e Responsábel de Igualdade na empresa, María Couto, intentou ocultarlle o acoso ao comité. E neste contexto, o paripé de investigación feito pola empresa concluíu que non existía acoso laboral e/ou sexual, algo que agora a sentenza desmonta".
A representación do persoal reitera que as fábricas e centrais "teñen que ser espazos seguros nos que non se poden repetir feitos como os acontecidos, e menos aínda se pode castigar as vítimas dos acosos e as testemuñas que con valentía defenden as mulleres".
Por todo isto, o comité reitera a necesidade de que XEAL adopte de inmediato medidas contundentes contra o acosador e lle aplique a mesma vara de medir que cando despediu un compañeiro por facer un comentario nunha rede social, a outro compañeiro por un suposto baixo rendemento (cando na carta de despido a empresa recoñécelle ser o mellor do departamento) ou o representante do persoal por facer declaracións nun xuízo que non foron do gusto da dirección.