O comité de XEAL convoca mobilizacións en resposta á decisión da empresa de aplicar un ERTE
O comité de XEAL acordou esta mañá convocar un calendario de mobilizacións en resposta á decisión da empresa de aplicar un novo ERTE a partir do 24 de setembro, que agrava o proceso de desmantelamento das fábricas iniciado coa operación de compra-venda entre Ferroatlántica e TPG-Ithaka.
Así, a próxima semana realizaranse as seguintes accións:
- Luns 21, concentración diante da fábrica de Brens (Cee), ás 14:15 horas.
- Mércores 23, concentración diante do Concello de Cee, ás 19:00 horas.
- Xoves 24, concentración nas centrais hidroeléctricas, ás 19:00 horas.
Ademais, o comité vén de solicitar reunións coa consellarías de Economía e Industria e coa consellaría de Emprego e Igualdade, para abordar a crítica situación das fábricas e esixir unha intervención inmediata da Xunta que pasa, inevitabelmente, por esixirlle á empresa que presente o plan de viabilidade ao que obrigan as concesións das centrais e, de ser preciso, que actúe sobre as concesións procedendo á recuperación dos dereitos de explotación de XEAL.
A dirección de XEAL está a aproveitar a situación de emerxencia sanitaria e un ERTE que foi negociado hai máis de ano e medio con outra empresa e outra representación legal para manter o peche dos fornos e recortar aínda máis a produción, comprometendo así a viabilidade das fábricas e dos postos de traballo. Neste senso, hai que subliñar que mentres o mercado das ferroaliaxes baixou un 30%, a actividade das fábricas de Cee e Dumbría baixou nun 90% e só están operativos dous fornos a mínima potencia.
O comité leva denunciando dende o primeiro momento a fraude desta operación de venda, que só busca segregar a actividade das plantas de ferroaliaxes das centrais hidroeléctricas e facer negocio coa produción de enerxía, que é o que lle interesa ao fondo norteamericano. Esta é a razón pola que XEAL se negou a retirar o recurso contra a resolución de Augas de Galiza interposto xa no seu día por Ferroatlántica e a deixar sen efecto o ERTE asinado en febreiro de 2019 no marco do grupo Ferroglobe.
Diante desta nova agresión, a Xunta non pode seguir pasiva, ten que obrigar a empresa a presentar un plan de viabilidade que contemple un calendario de rearranque dos fornos e as inversións necesarias para garantir o futuro das fábricas e dos empregos. A Xunta non pode ser cómplice desta operación especulativa nin da ruínda da comarca, ten as comptencias e ten que exercelas xa.