O comité de XEAL continúa coas concentracións polo futuro das fábricas e denuncia casos de acoso
O comité de XEAL (antiga Ferroatlántica de Cee, Dumbría e as centrais hidroeléctricas) continúa adiante co calendario de mobilizacións semanais e este venres, o persoal concentrarase ás 14:45 horas, diante da fábrica de Brens.
Con estas concentracións o persoal exixe da Xunta de Galiza que recoñeza a nulidade da operación de venda realizada por FerroAtlántica (Grupo FerroGlobe) a TPG-Ithaka, por non terse requirido a autorización administrativa previa correspondente, tal e como si se requiriu no ano 1992 para a adquisición da entón Carburos Metálicos.
O comité reitera a fraude que supuxo a operación de cambio de titularidade das centrais e do complexo industrial de FerroAtlántica e pídelle á Xunta que interveña ante a empresa para demandar a inmediata posta en marcha dos fornos e a cobertura de todos os postos de traballo destruídos dende a chegada de Ithaka á dirección, tanto no cadro de persoal como de emprego eventual, e na industria auxiliar.
Esta semana debateuse no pleno da Deputación da Coruña unha moción para instar o goberno galego a anular a venda, que non saiu adiante debido ao voto en contra do PP "e a abstención cómplice do PSOE, que deixa sen efecto esta reivindicación para trasladar a Xunta, cando as fábricas viven un proceso de desmantelamento progresivo, redución drástica da actividade dos fornos e destrución de emprego que pon en perigo a viabilidade das plantas de ferroaliaxes e a continuidade dos postos de traballo".
Despedimentos e posíbeis casos de acoso
Desde o comité exixen tamén a readmisión do traballador inxustamente despedido hai unhas semanas, enmarcada na política de persecución contra os traballadores e traballadoras iniciada pola dirección da empresa. A isto, engádese agora a existencia de dous presuntos casos de acoso (laboral e sexual) dos que o comité tivo coñecemento recentemente, denunciados por parte de dúas traballadoras que interpuxeron as correspondentes denuncias e que a empresa tiña ocultado.
Antes estes sucesos, o comité solicitou reunión coa empresa, "e malia o recoñecemento de condutas inapropiadas por parte dun superior que poden ser constutivas de acoso moral, laboral e sexual, non se adoptaron ningún tipo de medidas contra o presunto agresor, polo que o comité está a estudar as accións a adoptar para denunciar estas situacións de machismo, acoso laboral e acoso sexual, que non imos consentir e hai que combater", afirman.