O comité de XEAL continúa as mobilizacións en demanda do plan de viabilidade e o rearranque dos fornos
O comité de XEAL (antiga Ferroatlántica de Cee, Dumbría e Centrais Hidroeléctricas) continuou hoxe co calendario de mobilizacións semanais para demandar da empresa o plan de viabilidade ao que obrigan as cláusulas, que concrete un calendario de rearranque dos fornos, que se fagan os investimentos nas fábricas e na defensa do mantemento de todos os postos de traballo e a continuidade produtiva.
Dende o pasado venres, e mentres duren as restricións perimetrais pola incidencia da Covid-19, as protestas estanse facendo na porta da fábrica de Brens ás 17:15h e non diante da Casa do Concello.
Por outra banda, o comité denunciou que a dirección da empresa lles prohibiu manter unha reunión na sala que ten asignada o órgano de representación (tal e como aparece recollido no Estatuto dos Traballadores/as) aducindo que había un curso e obstaculizando desta maneira o labor sindical do comité.
Para o comité esta é unha demostración máis da mala fe coa que actúa a dirección de XEAL e o escaso interese que ten por establecer unhas relacións laborais respectuosas.
Parte do lote de nadal irá para o comercio da comarca
O comité acordou tamén repartir preto de 10000 euros do lote de nadal en vales de 30 euros para que os traballadores/as gasten no comercio e a hostalería local. Con esta medida o persoal quere colaborar co sector ante a crítica situación que atravesa por mor das restricións e a crise derivada da pandemia, e lanzar tamén unha chamada a mercar e consumir nos establecementos da comarca.
Lembran que o tradicional lote de nadal non é un regalo da compañía, senón un concepto que se detrae da nómina dos traballadores e das traballadoras e que o comité se encarga de xestionar.