O comité de Vulcano convoca unha manifestación ante a falta de futuro do estaleiro
O comité de empresa de Factorías Vulcano, integrado por CCOO, CIG e UGT, convoca unha manifestación este mércores día 6 ante a falta de expectativa de futuro no estaleiro vigués e para denunciar a situación de parálise na que se atopa o único proxecto co que conta na actualidade.
A marcha arrincará da porta da empresa, situada no barrio de Teis, ás 10:00 horas e rematará na delegación da Xunta tras percorrer Guixar, Xulián Estévez, García Barbón e Colón. Con esta mobilización queren alertar tamén sobre a situación desesperada que viven os traballadores de Vulcano como consecuencia de levar cinco meses sen cobrar e trasladarlle o sei apoio ao persoal das compañías auxiliares afectadas pola falta de pagamento do estaleiro.
Dende a federación de Industria da CIG de Vigo lembran que a propia dirección de Vulcano xa fixo público que se a situación do barco pendente de rematar non se desbloquea nos próximos días veranse obrigados a solicitar a liquidación voluntaria da empresa, cuestión que xa lle trasladaron á propia representación dos traballadores.
“Queremos que Vulcano presente dunha vez por todas a documentación que permita avalar o proxecto para que o estaleiro poda retomar a actividade”, indican. Ao mesmo tempo, sosteñen que prioridade neste momento é entregar o barco para poder saldar a débeda co persoal “e que non se volvan a producir impagos á industria auxiliar, que quedaría moi tocada e con risco de peche nalgunhas empresas”.