O comité de Vitrasa traslada as protestas contra as sancións “arbitrarias” ás instalacións da empresa
O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do transporte municipal de Vigo, trasladou hoxe á porta da empresa as mobilizacións que está a desenvolver para rexeitar as sancións “arbitrarias” que se lle aplican a algúns condutores/as que sofren accidentes de circulación. Os representantes dos traballadores/as decidiron desenvolver unha concentración diante das instalacións da estrada de Camposancos despois de que a xuntanza coa dirección rematase sen acordo.
As partes non lograron desbloquear o conflito na reunión celebrada hoxe porque a empresa négase a quitarlle a consideración de “moi graves” a este tipo expedientes, o que pode supoñer o despedimento se se xunta con outra sanción leve. “Escúsanse en que xa reduciron a duración das sancións, pero nós o que queremos é eliminar a súa gravidade para non ter presións engadidas, xa que os incidentes de tráfico desgraciadamente forman parte do noso traballo diario”, explican dende a representación da CIG no comité.
Con anterioridade o comité de empresa de Vitrasa (4 CCOO, 3 CIG, 3 UGT e 3 USO) xa desenvolvera unha concentración ás portas do Concello para rexeitar esta política de sancións que está a aplicar a empresa, xa que no último mes rexistráronse tres sancións moi graves, polo que o cadro de persoal síntese cada vez máis presionado. “Ao estrés diario que padecemos temos que sumar agora esta cuestión, polo que nos atopamos cunha espada de Damocles enriba de nós”.
Diante disto, reiteran que continuarán coas protestas até que a empresa dea marcha atrás, xa que até o de agora unicamente accedeu a rebaixar a duración das sancións sen emprego nin soldo. “O que pedimos é que lle retiren a cualificación de moi graves ás sancións derivadas dos accidentes de circulación, porque poden supoñer despedimentos”, rematan.