O comité de Vitrasa, satisfeito co laudo arbitral que lle impide á empresa recortar dereitos e salarios
O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, amosou hoxe a súa satisfacción co laudo arbitral emitido o pasado 5 de xullo que lle impide á compañía recortar dereitos e salarios ao seu cadro de persoal. Con todo, a dirección xa anunciou a súa intención de recorrer a resolución.
Dende a representación sindical sinalan que "o laudo é tan contundente que todos os puntos expostos pola empresa foron rexeitados cunha argumentación moi coherente por parte do árbitro”.
O laudo é tan contundente que todos os puntos expostos pola empresa foron rexeitados cunha argumentación moi coherente por parte do árbitro
Por iso lamentan que a empresa xa lles teña comunicado a súa intención de recorrer a resolución até onde lle permita chegar a lei, “perseguindo o seu único obxectivo”: recuperar as perdas xeradas pola covid 19 a conta dos empregados/as; “non hai que esquecer que ao mesmo tempo mantén unha reclamación xudicial co Concello na que lle solicita máis de 9 millóns de euros”.
A pesar das intencións manifestadas pola empresa, dende a representación legal dos traballadores/as entenden que actualmente o único camiño a seguir é retomar as negociacións do convenio colectivo. “Foi a empresa a que en marzo deste ano anunciou a inaplicación do convenio, rompendo así as negociacións”.
Lembran que o persoal de Vitrasa ten os salarios conxelados desde o ano 2020, coa importante perda de poder adquisitivo que isto supón co IPC disparado. “A isto hai que sumar a falta de melloras sociais no desenvolvemento do noso traballo diario, reivindicacións históricas que nunca chegaron a solucionarse; tristemente, a actitude inmobilista da empresa á hora de negociar non coincide coa nosa, polo que non descartamos retomar as mobilizacións iniciadas o verán pasado”.
Ansiedade e preocupación
Ao mesmo tempo, fan fincapé en que dende que se fixeron públicas as intencións da empresa de reducir salarios e recortar condicións laborais o pasado 4 de marzo “o cadro de persoal e as súas familias conviven cun estado permanente de ansiedade e preocupación polo que estes recortes poden chegar a supoñer”.
Neste senso, lamentan que a nova dirección de Vitrasa, do grupo Avanza-ADO, só se preocupe na actualidade de asegurarse unha serie de beneficios económicos á conta de reducir a calidade do servizo os salarios dos seu persoal. “Entendemos que o Concello debe reformularse se este é o novo modelo de mobilidade que quere para a súa cidade”.
Por ultimo, trasládanlle o seu agradecemento público ás persoas usuarias e ao conxunto da cidadanía de Vigo “polas mostras de apoio e comprensión” en todas as mobilizacións convocadas polo comité.