O comité de Vitrasa retira a convocatoria de folga tras ingresar a empresa a paga extra de decembro
O comité de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano de Vigo, retirou hoxe oficialmente a convocatoria de folga prevista para mañá despois e que a empresa ingresase a paga extraordinaria do mes de decembro. A asemblea de traballadores/as celebrada o pasado sábado 19 optara de xeito maioritario por esta medida de presión no caso de que a compañía non liquidase a débeda derivada supostamente do impago por parte do Concello.
A proposta da representación do cadro de persoal contemplaba a celebración de 12 xornadas de paros, en días alternos, a partir deste martes día 29, e foi aprobada por 146 votos a favor, 7 en contra e 1 abstención na asemblea que tivo lugar o pasado día 19 nas instalacións da empresa na estrada de Camposancos.
A convocatoria faríase efectiva no caso de que a empresa non abonase antes a paga extra de decembro que non ingresou a comezos de mes supostamente pola falta de pago por parte do Concello das cantidades pactadas para compensar a redución de viaxeiros/as provocada pola pandemia.
Mais a folga quedou hoxe desconvocada de xeito oficial unha vez que a empresa liquidou a débeda cos traballadores/as entre os pasados días 21 e 23, ao parecer despois de que o Concello lle abonase 2,2 millóns de euros. Segundo lle comunicou a empresa ao comité, esta cantidade permitiríalle pagar tamén a nómina de decembro, que os empregados/as deberán ter ingresada o primeiro día hábil do mes de xaneiro.
Con todo, dende o comité de empresa, presidido pola CIG, adiantan que estarán vixilantes para garantir que o cadro de persoal recibe o seu salario en tempo e evitar que se poidan producir novos atrasos como o acontecido co ingreso da paga extra.