O comité de Vitrasa promoverá folga indefinida ante a rebaixa salarial que pretende impoñer a empresa
O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, anunciou hoxe a súa intención de propoñer unha convocatoria de folga indefinida e de mobilizacións para rexeitar a rebaixa salarial que pretende impoñer a empresa.
A decisión deberá ser ratificada polo cadro de persoal na asemblea que terá lugar nas instalacións da compañía, na estrada de Camposancos, o vindeiro sábado 7 de maio ás 24:00 horas. Dende a representación sindical anuncian tamén que promoverán mobilizacións antes do inicio da folga indefinida, no caso de que os traballadores/as decidan en asemblea a súa convocatoria.
As conversas entre a representación sindical e a dirección remataron o pasado día 25 sen que as partes lograsen chegar a un pacto sobre a inaplicación do convenio que Vitrasa pretende impoñerlle ao conxunto do cadro de persoal e que se traduciría nunha importante baixada de soldos.
En consecuencia, a empresa solicitará unha arbitraxe para forzar unha resolución final ao conflito provocado pola súa intención de reducir os salarios un 30% o que queda de 2022 e un 14% en 2023, baseándose nas perdas durante a pandemia e nas posíbeis perdas nos anos 2022 e 2023.
Vitrasa pretende incrementar tamén a xornada anual, incluír medidas de flexibilización de xornada, eliminar un plus de absentismo que se cobra anualmente e mesmo non entregar unha peza de abrigo no próximo inverno.