O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, denuncia os horarios obsoletos que a compañía lle ofrece ao público e a imposibilidade de cumprilos, ao tempo que critica a negativa a actualizar os horarios. En consecuencia, adianta a posibilidade de convocar mobilizacións ante a inminente chegada do peor período en canto a problemas de circulación se refire.
A representación do persoal leva reclamando dende hai anos unha actualización de horarios que Vitrasa se nega a realizar, esgrimindo razóns como a pandemia da Covid primeiro; posteriormente a falta de persoas viaxeiras, e despois o inicio do proceso da nova concesión e o estudo que se estaba a realizar por parte do Concello sobre a demanda de servizo e a renovación das liñas (do que nunca máis se soubo). Agora a escusa é a paralización do concurso da nova concesión, xa que sosteñen que sen saber se vai ser Vitrasa a próxima xestora non van acometer cambios nos horarios.
Esta situación fai que o persoal da empresa non teña o descanso mínimo legal durante a súa xornada
Todo isto, unido a un aumento substancial das persoas usuarias do servizo (superando as cifras pre pandemia) e con menos autobuses na rúa, está a provocar uns atrasos inasumíbeis nas liñas de transporte, que fan que os horarios ao público non se cumpran e o persoal da empresa non teña o descanso mínimo legal durante a súa xornada.
Desde o comité de empresa, vendo que en breve se inicia o peor período do ano en canto a problemas de circulación como é o acendido das luces de Nadal e tras solicitar en varias ocasións reunións coa dirección para solucionar estas deficiencias sen obter resposta, non descartan iniciar algún tipo de mobilización para denunciar esta situación.