O comité de Vitrasa recibe expedientes sancionadores relacionados coas convocatorias de folga
O comité de empresa de Vitrasa denuncia a represión sindical a membros do comité e a algúns traballadores/as co obxectivo de coaccionar e amedrentar ao resto do cadro de persoal, coa apertura de expedientes sancionadores relacionados coas xornadas de folga convocadas durante o Marisquiño. Ao mesmo tempo, dende a representación sindical da concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo censuran que a dirección está a “facer trampas” cos servizos mínimos, tal e como veñen constatando as sancións impostas pola Inspección de Traballo.
O decreto de servizos mínimos publicado polo Concello para as xornadas de folga dos pasados días 12 e 13 de agosto establecía a saída dun único vehículo na liña de noite, mais a empresa pretendía poñer en circulación catro autobuses. Diante disto, algúns membros do comité e varios/as traballadores/as impediron de xeito totalmente pacífico e en presenza da propia Policía a saída dos tres vehículos que non constaban no decreto.
A raíz disto, as persoas presentes nese momento comezaron a recibir notificación de apertura de expedientes sancionadores que poden supoñer suspensión de emprego e soldo e até o despedimento. Para o comité trátase dun claro caso de represión sindical e laboral encamiñado a coaccionar e amedrentar o cadro de persoal para boicotear as mobilizacións que os traballadores/as de Vitrasa levan anos desenvolvendo en demanda dunhas mellores condicións laborais.
Por outra banda, dende a representación sindical de Vitrasa censuran que a dirección “fai trampas sistemáticas” cos servizos mínimos durante as xornadas de folga e paros parciais, tal e como evidencian as sancións da Inspección de Traballo. Os informes da autoridade laboral recollen que a empresa “incumpre os decretos de servizos mínimos, non entrega a tempo a planificación e os horarios de servizo, co que vulnera o dereito de folga dos traballadores/as”. Estas cuestións xa lle supuxeron sancións en dúas ocasións.
Estes feitos foron denunciados con anterioridade polo comité, confirmando que Vitrasa fai un uso irregular dos vehículos asociados ás liñas que figuran no decreto de servizos mínimos. “O Concello decreta un número de vehículos e fixa para determinadas liñas o número de autobuses que ten que estar en funcionamento ou se un autobús debe realizar unha combinación de liñas; Vitrasa non excede o número de vehículos pero incumpre as liñas que teñen que facer eses vehículos, curiosamente beneficiando as liñas que maior afluencia de viaxeiros/as rexistran”. A empresa tamén obrigaba a deterse antes de hora autobuses que ían ao extrarradio de Vigo para telos posicionados en paradas con maior afluencia tras realizar os paros.
Numerosos incumprimentos
Ademais destas, nos últimos meses interpuxéronse decenas de denuncias en Inspección por vulneración do dereito de folga, falta de vestiarios, utilización indebida das cámaras de videovixilancia, exceso e falta de pagamento de horas extra, falta de cursos de formación dos vehículos novos, incumprimentos do convenio colectivo en referencia aos límites de xornada, redución do descanso mínimo semanal, atrasos nas nóminas, incumprimentos do rexistro horario e vulneracións da liberdade sindical, entre outras cuestións.
“Mais a pesar de ter acumuladas xa varias sancións na autoridade laboral Vitrasa continúa coas mesmas prácticas, polo que volveremos denunciar e presentaremos un dossier detallado ao Concello de Vigo solicitando que, como indica o prego de condicións, impoña sancións por incumprimentos reiterados das súas obrigas laborais e retire a concesión e exclúa do próximo concurso a esta empresa de piratas”, afirman dende o comité.