O comité de Vitrasa convocará protestas se empresa e Concello non solucionan os problemas pendentes dende hai un ano
O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do servizo municipal de transporte urbano de Vigo, anunciou hoxe que convocará mobilizacións no caso de que a dirección e o Concello non atendan as reivindicacións expresadas hai xa un ano pola representación dos traballadores/as en materia de réxime de traballo e descansos na xornada, horas extra, eventualidade, recadación, plan de igualdade, uniformidade, subrogación, baños, etc. Daquela reclamaran unha solución inmediata a estas problemáticas, porque do contrario optarían por desenvolver paros ou mesmo unha folga indefinida, tras o que Vitrasa adquiriu unha serie de compromisos que segue sen cumprir.
Segundo explican dende o comité (presidido pola CIG), a día de hoxe as principais reivindicacións seguen sen solución, “ao que hai que engadir problemática xurdida nestes meses e que Vitrasa non ten intención de solucionar”. Lembran que en outubro de 2018 a dirección comprometeuse de maneira inmediata a solucionar os problemas derivados dos atrasos ocasionados por obras e a realizar unha remodelación dos tempos de percorrido, ademais de a asegurar descansos para os condutores/as en todas as liñas.
O cadro de persoal fai horas extra que equivalerían á contratación de polo menos 30 condutores/as, pero eses postos seguen a cubrirse con traballadores/as eventuais
Ao mesmo tempo, “seguimos a ter un serio problema coa eventualidade; a pesar de que o ano pasado se realizaron contratacións indefinidas, o persoal de Vitrasa realiza horas extra que equivalerían á contratación de 30 condutores/as, postos que reiteradamente se van cubrindo con persoal eventual en rotación, tendo a estes traballadores/as contratados/as durante seis meses e mandándoos á casa por espazo dun ano para evitar facelos/as fixos/as e contratando no seu lugar novos/as eventuais”.
Critican que a estes/as traballadores/as non se lles respecte a orde de antigüidade na empresa á hora de volver contratalos/as, “co que se lles forza a realizar todos os mandatos requiridos (horas extra, traballar descansos, servizos especiais, etc) para sobresaír por encima do resto e ser os primeiros/as á hora de volver na seguinte contratación”.
En canto á problemática na recadación, se anteriormente botaban de menos unhas máquinas de cálculo, unha vez instaladas atópanse con problemas de diferenzas nas cantidades que se ingresan, ademais en caso de non estar de acordo co cálculo non existe a posibilidade de anular a operación e recuperar o ingresado, debendo aceptar a operación e realizando unha reclamación por escrito que ás veces se ten en conta e outras non.
Indican que outras melloras recollidas na actual negociación seguen tamén á espera. Por exemplo, o plan de igualdade caducou en 2014, polo que levan cinco anos agradando. "O único que se logrou neste punto foi elevar aos 12 anos a idade dos fillos/as para poder solicitar unha quenda concreta de vacacións".
A roupa de traballo segue a xerar problemas, xa que a pesar de cambiar o tecido nunhas pezas, este non é do agrado de gran parte do persoal, provocando sudoración excesiva, erupcións cutáneas, etc. No referente aos baños, unicamente se colocou un váter químico nunha cabeceira de liña, a pesar das promesas de solución deste problema.
Responsabilidade do Concello
Neste punto fan partícipe tamén ao Concello de Vigo, “que no seu día se comprometeu á colocación de polo menos unha decena de baños nos puntos máis necesarios, para, na próxima concesión esixirlle á empresa entrante a colocación no resto de lugares necesarios”. Pero aseguran que a día de hoxe non teñen noticias pola súa banda. “A estas promesas incumpridas polo Concello debemos sumar a falta de resposta a posteriores solicitudes realizadas”.
Outro problema ao que se enfrontan é o rexistro diario de xornada ordenado a inicios de verán polo Goberno central. Sinalan que Vitrasa nega a posibilidade de cobrar o tempo traballado de máis aos traballadores/ as da quenda de mañá no caso de que atrasen na entrega do servizo ao traballador/a de tarde.
Así mesmo, o persoal que pola noite termine o servizo atrasado ten que solicitar por escrito o abono dese tempo traballado de máis a pesar de quedar reflectida a hora nun computador do persoal de inspección. A isto engaden a inexistencia de servizo de transporte do persoal en horas nos que o servizo público de transporte non é regular, o que obriga a ter que utilizar o noso transporte privado, “o que nunha empresa de transporte público resulta incomprensible”.
“A todos estes problemas sen solución hai que sumar pequenas discrepancias operacionais internas que fan máis difícil o día a día, e que a pesar de levar meses tentando solucionar Vitrasa limítase a negar a posibilidade de realización. O único que fai é derivar dunhas comisións de traballo a outras os diferentes problemas e o resultado é que estes seguen sen solución”.
Tamén trasladan a súa preocupación a respecto do novo carril bici que está a incorporar o Concello de Vigo, en concreto nas zonas de Camelias, Pizarro e Travesía de Vigo, onde autobuses e bicicletas comparten circulación, “xa que entendemos que as medidas de seguridade no seu trazado son escasas”. Sobre este tema remitíronlle escritos tanto ao Concello de Vigo como á empresa, “e estamos á espera dunha resposta”.
Finalmente, dende o comité de empresa emprazan a Vitrasa e ao Concello a unha solución inmediata destas problemáticas, “ou do contrario retomaremos as medidas de presión suspendidas hai un ano”. E apelan á cidadanía “para que entenda a paciencia que tivemos en todo este tempo, aguantando promesas e desculpámonos por adiantado polas posibles molestias que lles poidan causar as accións que nos vexamos obrigados/as a realizar co fin de poder desenvolver o noso labor cun mínimo de dignidade e garantías de calidade de servizo, tanto para traballadores/as como para usuarios/as”.