O comité de Vitrasa convocará 10 días de paros se non hai acordo sobre o convenio na mediación solicitada pola empresa
O comité de empresa de Vitrasa vén de anunciar a convocatoria de 10 xornadas de paros parciais en novembro e decembro no caso de que a mediación solicitada pola empresa non sirva para achegar posturas sobre o convenio colectivo, caducado en 2020 e que mantén os salarios conxelados desde ese ano, cunhas perdas de poder adquisitivo para o persoal superiores ao 14%.
Dende a representación sindical lembran que Vitrasa recuperou viaxeiros/os nos últimos meses até alcanzar niveis pre-pandemia e recibiu un reequilibrio de máis de 18 millóns de euros por parte do Concello de Vigo, precisamente as dúas premisas esixidas pola empresa na anterior mediación para chegar a acordos. Ademais, ten menos gastos como consecuencia do recorte de servizos realizado (250 expedicións diarias menos). Por iso entenden que a dirección está en disposición de facer unha proposta que permita poñer ao día os salarios.
Agardamos que a solicitude de mediación non se trate dunha nova artimaña da empresa para poder xustificarse ante a convocatoria de paros
“En caso contrario levaremos as nosas reivindicacións de novo á rúa en forma de paros parciais os días 20, 22, 25 e 27 de novembro e 2, 3, 11, 12, 20 e 21 de decembro en horario de 13:00 a 15:00 horas”. E adiantan que se non se alcanzan acordos que permitan finalizar este longo conflito proporán intensificar as mobilizacións.
Ao mesmo tempo, sinalan que acudirán á convocatoria de mediación como o fixeron en anteriores ocasións: con espírito negociador e ganas de chegar a acordos. “Está en mans de Vitrasa que estes acordos se materialicen na firma dun novo convenio e agardamos que a solicitude de mediación non se trate dunha nova artimaña da empresa para poder xustificarse ante a convocatoria de paros”.
Por outra banda, indican que onte enviáronlle unha nova solicitude de reunión ao alcalde de Vigo para tratar os detalles do reequilibrio e o plan de tráfico para o Nadal. “Tristemente non se contou connosco para elaborar os percorridos do servizo de autobús urbano e imos vernos de novo compartindo a calzada cos viandantes que se acheguen á cidade para ver as luces do Nadal. Isto supón un gran risco e queremos buscarlle unha solución”.
Polo que agardan que nesta ocasión se atenda a súa solicitude “antes de que ocorra unha desgraza que teñamos que lamentar”.