O comité de Vitrasa convoca máis paros, folgas e mobilizacións por un convenio digno
O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, vén de anunciar a convocatoria de máis paros, xornadas de folga e mobilizacións ante a negativa da empresa de negociar o convenio, caducado no ano 2020. As protestas para reclamar unha actualización salarial e distintas melloras laborais como descanso na xornada ou xornadas máis flexíbeis darán comezo este martes 27 e prolongaranse en principio até o vindeiro 7 de xullo.
Dende a representación sindical, con maioría da CIG, lembran que Vitrasa leva 55 anos operando en Vigo, e unicamente nos tres últimos diminuíron os seus ingresos pola redución de viaxeiros/as provocada pola covid. Non obstante, o resto de anos a empresa acumulou cuantiosas ganancias (máis de 50 millóns de euros de patrimonio declarados nas súas contas no ano 2020), “que en ningún caso beneficiaron ao seu persoal”.
A pesar das achegas recibidas a empresa négase a negociar até que obteña unhas ganancias que virían dun reequilibrio que lle esixe ao Concello
Neste senso, sosteñen que se ben é certo que nestes últimos dous anos e medio os ingresos da compañía reducíronse, a día de hoxe continúa a ter máis de 30 millóns de euros no seu haber. Ao que hai que sumar a achega de 5.700.000 euros que recibiu entre os anos 2020/2021 pola pandemia e as dúas subas “históricas” no prezo do billete, 14 céntimos entre 2022 e 2023.
“A pesar de todas estas achegas a empresa segue negándose a negociar até que obteña unhas ganancias nas súas contas que virían dun reequilibrio que lle esixe ao Concello, solicitándolle, entre outros, un beneficio do 8% que non obtivo”.
Calendario de mobilizacións
Por todo isto, o comité de empresa acordou continuar coas mobilizacións, comezando cun paro parcial este martes 27 que terá lugar de 12:30 a 15:30 horas. Para o venres ten convocada unha xornada de folga de 24 horas. “Ás 8:00 horas realizaremos unha manifestación desde a praza de América, percorrendo Gran Vía, Praza dos Cabalos, Gran Vía e Venezuela; e remataremos cunha concentración na porta do Concello”.
A continuación, o 5 de xullo, terá lugar outra xornada de folga de 24 horas. “Ás 19:30 da tarde realizaremos unha manifestación dende Samil, percorrendo as avenidas de Europa e Castelao, rematando na rotonda do barco de Coia”. E o 7 de xullo novas paros parciais de 19:45 a 21:15 horas.
Finalmente, dende o comité de empresa lamentan a postura da empresa, que achegou unha oferta “totalmente ridícula”, polo que consideran que non ten en absoluto intención de chegar a ningún tipo de acordo. “Da mesma maneira, lamentamos as molestias que as mobilizacións están a provocar na cidadanía, pero é a maneira de reivindicar algo que entendemos totalmente necesario”.