O persoal de Vitrasa continuará cos paros parciais para reclamar unha mellora das condicións de traballo
O comité de empresa de Vitrasa aposta por continuar cos paros parciais para reclamar a negociación dun novo convenio colectivo que mellora as condicións de traballo do conxunto do cadro de persoal. As medidas de presión convocadas pola representación sindical da concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo darán comezo esta martes 6 e continuarán os días 8, 9, 12, 16, 19 e 21 de xuño de 7:00 a 8:30 e de 13:30 a 15:00 horas.
Dende a sección sindical da CIG en Vitrasa quixeron saír ao paso do comunicado feito público pola empresa no que se acusa o persoal de facer coincidir os paros coas franxas horarias nas que se concentra un gran volume de desprazamentos. “A dirección debera entender que loxicamente o obxectivo de calquera folga é dar a maior visibilidade posíbel a un conflito, pero semella que queren que convoquemos os paros nas nosas horas de descanso”, ironizan.
Neste momento as perdas da conxelación salarial que está a padecer o persoal de Vitrasa son de máis de 4000 euros de media, bastante máis para o persoal con maior antigüidade
Con todo, queren deixar moi claro que a única responsábel de que se produza esta convocatoria é a empresa pola negativa a negociar calquera punto do convenio até que non teña asegurado un reequilibrio por uns viaxeiros/as que realmente non transportou. “Vitrasa non pode esquecer que os principais prexudicados/as somos os traballadores/as, que deixamos de cobrar o noso salario para realizar este tipo de protestas e que somos os que levamos co soldo conxelado desde o ano 2020”.
E lembran que dende entón o IPC subiu máis dun 12%, “porcentaxe que nós deixamos de ingresar nos nosos salarios”. Mentres a empresa recibiu un pago de 5,7 millóns de euros polas perdas derivadas da covid e aplicóuselle unha suba ao billete en 2022, que supuxo un aumento do 3,7%, e outra nova suba en 2023 que supón un 6,4%. “Mais estes incrementos non repercutiron para nada nos traballadores/as”.
Por outra banda, no seu comunicado Vitrasa alude tamén á oferta que lle trasladou ao persoal coa condición de desconvocar a folga: un anticipo de 500 euros que serían descontados da posíbel suba salarial que se pactase nunha futura negociación. “Neste momento as perdas da conxelación salarial que está a padecer o persoal de Vitrasa son de máis de 4000 euros de media (bastante máis para os traballadores/as con maior antigüidade), polo que frear unhas mobilizacións nesas condicións é impensábel, máis aínda cando a propia empresa non nos asegura que nun futuro vaia a existir unha negociación”. Sen esquecer tamén que o comité non pretende negociar unha actualización salarial, senón tamén melloras nas condicións de traballo, “algo que en ningún momento se contemplo na oferta trasladada pola dirección”.
A empresa fai e desfai ao seu antollo
Para continuar negociando, Vitrasa quere obter antes un reequilibrio do Concello de Vigo de case 31 millóns de euros, “o que na práctica supón que a empresa pretende enriquecerse a conta dos fondos públicos”. Mentres tanto, o Concello de Vigo permítelle “facer e desfacer ao seu antollo” no transporte público: desde o 2020 desapareceron liñas, frecuencias e autobuses das rúas, degradando cada vez máis o servizo.
Ao tempo que tolera incumprimentos do propio prego de condicións do concurso de adxudicación en cuestións laborais ou na idade máxima dos vehículos, entre outras. E tamén do último contrato de ampliación asinado en plena pandemia, no que Vitrasa se comprometía a poñer nas rúas de Vigo 50 novos autobuses entre 2020 e 2022. “Pois finalmente chegaron pouco máis de 20”, denuncian. Por todo isto, consideran que o Concello de Vigo debera reformularse manter a explotación dun servizo fundamental en mans dunha empresa “que claramente está a afundir o transporte da súa cidade”.
Esixencias da empresa
A pesar disto Vitrasa solicita ao Concello de Vigo un reequilibrio de case 31 millóns de euros, nos que se inclúen as perdas que a empresa calcula que tivo nos anos 2020, 2021 e 2022; un 8% de beneficio empresarial; máis a porcentaxe que nos corresponde aos/as traballadores/as para actualizar os nosos salarios de acordo co IPC actual. “Por parte de Vitrasa é unha xogada mestra coa que pretende que se lle pague polos viaxeiros/as que non transportou, ademais dun 8% de beneficios e da actualización de salarios, con cargo ao erario público, cando en condicións normais debera ser saír das contas da propia explotación”.
Demandas do persoal
Neste contexto, os traballadores/as reclámanlle ao Concello que lle esixa á empresa sentar a negociar un convenio teña ou non un reequilibrio. “Vitrasa ten a escusa perfecta para non negociar, pero non debemos esquecer que accedeu gratuitamente a unha ampliación da concesión sen que isto lle supuxese pasar por un concurso público, e que dende entón comezou a reducir a calidade do servizo debido aos recortes realizados en practicamente todas as liñas”.
Finalmente, lembran que levan desde 2020 con folgas intermitentes que afectan á cidadanía de Vigo “e o alcalde debe velar polo bo funcionamento do servizo de transporte público e pola recuperación dos servizos eliminados”.