O comité de Vitrasa amplía os paros parciais para reclamar un convenio colectivo digno
O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, vén de informar que a partir do vindeiro luns 28 ampliará en media hora en cada unha das tres quendas os paros parciais convocados para reclamar un convenio colectivo digno. Deste xeito, a medida de presión desenvolverase todos os luns, mércores e venres de 7:30 a 9:00, de 14:00 a 15:30 horas e de 00:00 a 1:30 horas.
Dende a representación do persoal indican que se ven na obriga obriga de tomar esta decisión unha vez que o Goberno local impuxo uns servizos mínimos abusivos que vulneran o dereito de folga, “xa que á hora que estabamos a realizar os paros unicamente pode parar o 20% do servizo”. Por iso agardan que o xulgado decrete a súa anulación como en ocasións anteriores.
Lamentamos os prexuízos que poidamos causarlle á cidadanía, pero exercer o noso dereito de folga é a única forma de seguir reivindicando unhas melloras laborais que consideramos imprescindíbeis
“Lamentamos os prexuízos que poidamos causarlle á cidadanía, pero exercer o noso dereito de folga é a única forma de seguir reivindicando unhas melloras laborais que consideramos imprescindíbeis (descanso durante a xornada, xornadas excesivas de até 10 horas, actualización de salarios, etc)”. Neste senso, lamenta que nas numerosas reunións celebradas coa empresa durante dous anos esta sempre mantivo unha postura inmobilista, tentando incluso unha inaplicación de convenio para reducir os salarios un 30% e para aumentar a xornada anual de 86 horas.
“Resúltanos inexplicable a deixadez e o silencio por parte do Goberno local, que despois de varias semanas de paros non tentou mediar nun conflito laboral que afecta a un servizo esencial do que é responsábel; actitude que contrasta coa de alcaldes doutras cidades (Zaragoza, Ourense…), que convocaron reunións cos representantes dos traballadores/as e a empresa”.
Ao mesmo tempo, consideran que tampouco resulta entendíbel que os responsábeis municipais permitan que Vitrasa incumpra o prego de condicións do servizo en canto a renovación de frota, redución de frecuencias, liñas e servizos (“especialmente grave é a eliminación do servizo que se prestaba ás persoas de mobilidade reducida PAR”), co único obxectivo de mellorar a rendibilidade e en contra dos intereses da cidadanía.
Por iso se preguntan se este xeito de xestionar un servizo esencial por parte de Vitrasa é o modelo que quere este Concello para o servizo público de viaxeiros/as de Vigo (precariedade laboral e redución de servizos). Finalmente, lembran que en breve sairá o prego de condicións para a nova concesión, “e o alcalde debera explicar o seu contido”.