O comité de Vitrasa acusa o Concello e a empresa de manipular a información sobre o conflito
O comité de empresa de Vitrasa acusou hoxe o Concello de Vigo e a empresa de manipular a información referente ao conflito laboral que manteñen dende hai máis de dous anos pola negociación do convenio colectivo. O cadro de persoal continuou hoxe coas mobilizacións no marco da folga indefinida para reclamar un convenio digno, cuha manifestación dende as instalacións da compañía e unha concentración posterior diante do consistorio vigués.
Dende a representación do cadro de persoal sosteñen que as recentes declaracións dos responsábeis municipais aos medios de comunicación “non se axustan á realidade do que acontece e só atenden á versión nesgada da dirección da empresa”.
Neste senso, lembran que levan agardando máis de dous anos a que a compañía amose disposición a negociar a renovación do convenio, “polo que lamentamos que a día de hoxe, e a pesar do prexuízo que se lle está a causar á cidade, Vitrasa aínda non achegase nin unha soa proposta de convenio”.
Até o punto de que a empresa se presentou na mediación do pasado venres 24 coa única pretensión de intentar que se desconvocase a folga. “A única parte que estaba interesada en buscar solucións era a representación dos traballadores/as, mesmo chegamos a aceptar a suspensión da folga durante unha semana -a pesar de non ser a nosa postura inicial e de ser a nosa única forma de presión- para poder comprobar o talante negociador da empresa; suspensión que continuaría en caso de que se producisen avances na negociación”.
Politizar a protesta
Ao mesmo tempo, critican que o Goberno local estea a intentar politizar unha lexítima protesta laboral pretendendo facer crer que todo este conflito está organizado por un partido político e por un sindicato. “Dende o comité de empresa parécenos vergoñento e unha falta de respecto a todo o cadro de persoal de Vitrasa”.
Non hai que esquecer que o comité está composto por 5 delegados/as de CIG, 4 de CCOO, 2 de UGT e 2 de USO, “polo que non hai unha maioría absoluta, ao contrario do que ocorre no Concello de Vigo. As decisións están a tomarse de forma unánime e co apoio mostrado en asemblea pola maioría do persoal”.
Por iso entenden que con estas actitudes o Goberno local pretende unicamente evitar asumir a súa responsabilidade no conflito” e trata de esconderse tras a cortina de fume das declaracións que no seu día realizou o alcalde esixíndolle ás partes sentarse a negociar até atopar unha solución ao problema do transporte público da nosa cidade”.
Consideran que a actitude de Vitrasa é totalmente contraria ao esixido polo rexedor. “A empresa estase a burlar do máximo representante do Concello, dos cidadáns e das persoas traballadoras. Polo que lle esiximos ao alcalde que tome as medidas necesarias para recuperar de inmediato o transporte público da cidade para os seus cidadáns, xa que é da súa exclusiva competencia”.