O comité de URBASER denuncia o descoñecemento de Bugallo do funcionamento do servizo
O comité de empresa de Urbaser vén de amosar o seu malestar polas declaracións feitas, o pasado día 3 de xullo, polo novo alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen afirmou que o servizo de recollida non era satisfactorio asegurando, ademais, que os sábados non se prestaba, o cal é “completamente falso”, segundo o comité, que considera que “mesmo se mellorou”.
O comité considera “lamentable” a falta de información e descoñecemento do funcionamento dun servizo esencial para a cidade de Compostela demostrado polo alcalde compostelán nunha entrevista realizada nunha radio local.
O comité desminte tamén a afirmación de Bugallo de que nos últimos 15 días a empresa reforzou o servizo e asegura que “estamos desenvolvendo o mesmo traballo que viñamos facendo nos últimos 15 anos, mesmo estando el de alcalde”.
Lembra, en todo caso, que o propio comité denunciou incumprimentos do prego de condicións diante das distintas corporacións porque en algunhas cuestións o servizo non se axustaba ás condicións do contrato.
Reitera a solicitude que xa remitiron por escrito antes das eleccións, e despois destas, de celebrar unha xuntanza para abordar cuestións relativas ao traballo que desenvolven.
Unha xuntanza na que agardan tamén que se lles proporcione información relativa ás condicións que se prevé que contemple o novo prego para a renovación da contrata. Lembran que está prorrogada e que ten que convocarse o novo concurso antes de que remate este ano.
Por iso agardan ser convocados en breve para poder abordar estas e outras cuestións que puideran poñerse sobre a mesa.