O comité de URBASER de Santiago denuncia que a empresa non puxo en funcionamento os vestiarios
Transcorridos once meses desde que se chegara a un acordo con URBASER, concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria de Santiago, que levou á desconvocatoria da folga que estaba prevista, o comité denuncia que seguen sen cumprirse os acordos.
O comité lembra que un dos seis puntos máis relevantes daquel acordo era a “posta en funcionamento de dous vestiarios”. Denuncia que, porén, “40 compañeiras e compañeiros seguen a compartilo” e aseguran que “o máis penoso é que segue aberto un vestiario situado na Rúa Pitelos que non cumpre coas mínimas medidas de seguridade e hixiene”.
O comité explica que a semana pasada se celebraron dúas xuntanzas, unha co concello e outra coa empresa da que saíron coa mesma resposta de ambas: “a culpa é do outro”.
Entende que no ano 2024 todas as traballadoras e traballadores teñen que dereito a ter un vestiario onde non teñan que compartir o mesmo espazo mulleres e homes e onde cada quen teña unha taquilla e unha ducha en condicións.
Sinala que nas xuntanzas mantidas tamén se trataron as modificacións do servizo que a empresa va poñer en marcha:
- Retirada dun dos dous peóns de carga traseira no servizo de recollida de lixo na quenda de noite
- Retirada dun peón de carga lateral en parte dos percorridos
Indica que estas modificacións van supor “unha merma no servizo que prestamos” e unha carga importante para os compañeiros e compañeiras.
Por iso, desde o comité queren manifestar o seu “malestar con ambas as dúas situacións xa que o dos vestiarios vense alargando desde o ano 2016 -cando entrou a primeira muller varredora – e a de reorganización dos servizos”. E xunto a estas, o outro punto que a empresa ofertou en 2021 para mellorar o servizo e que “entendemos que o empeora considerablemente”.
Por isto, o comité non descarta mobilizacións ou mesmo ter que recorrer á convocatoria de folga, para resolver a situación.