O comité de Urbaser Compostela volve denunciar a falta de cobertura das baixas e os medios insuficientes
Diante das últimas novas publicadas, o comité de empresa de Urbaser Santiago de Compostela (empresa que se encarga da recollida do lixo e a limpeza viaria) desminte que o persoal estea levando a cabo unha folga encuberta como sinalan certos medios de comunicación, "buscando deste xeito criminalizar a defensa dos dereitos laborais".
Lembran que xa teñen denunciado diante do Concello, na Inspección de Traballo e a través dos medios de comunicación a reiterada falta de cobertura das baixas médicas -que, salientan, “son dadas polo persoal facultativo do Sergas”- e dos permisos que corresponden por lei; e que debería haber sempre un cadro de persoal mínimo no día a día “para dar un servizo de calidade á veciñanza de Compostela”.
Apuntan que a esta falta de persoal hai que engadirlle “uns medios inadecuados e a mala organización do traballo, que tamén denunciamos en diversas ocasións”. Explica o comité que os medios técnicos cos que conta o servizo de limpeza e recollida do lixo “son moi escasos para atender as necesidades dunha cidade como Santiago”, que ten máis de cen mil habitantes, na que todos os días entra un importante número de persoas do comarca, e que ve incrementada de maneira considerábel a súa poboación coa chegada de estudantes e turistas.
Medios inadecuados e insuficientes
Sobre os medios técnicos, o comité indica que os camións que se compraron ou ben teñen unas dimensión moi grandes ou ben teñen un volume de carga moi pequeno para as necesidades do servizo.
Ademais, o contrato na recollida do lixo baseouse en centrar a carga en recollida de carga lateral “que é un bo modelo, pero non está ben organizado. Estes días estase a falar do lixo acumulado nos exteriores dos contedores e isto débese a que nas rutas nas que non hai contedores soterrados se eliminou a figura de peón, de aí que os desbordes e o lixo depositado fóra de lugar permaneza nas rúas durante días e incluso semanas”.
Por zonas, aclaran que no Ensanche se reduciu a capacidade dos colectores “e seguen a producirse malas prácticas por parte dunha minoría da veciñanza das que o comité xa deu aviso”. A recollida no casco histórico centrouse en colocar “unhas illas móbiles que apenas son usadas pola veciñanza. A empresa comprou uns camións de carga traseira que nin teñen capacidade de carga nin son axeitados para facer a tarefa. E segue habendo moitos locais de hostalería que quitan o lixo e o deixan tirado no chan, acumulando graxas e sendo un risco para a saúde da veciñanza”.
Doutra banda, critican que o lavado de contedores “é totalmente inexistente. Estase saíndo con hidrolimpadora que só limpa a zona exterior dos colectores a pesar de que se compraron dous camións lava-contedores que están continuamente avariados”.
Con respecto ao varrido aumentáronse os percorridos ao tempo que se eliminaron as brigadas, substituíndoas por un único peón. “Deste xeito, resulta imposíbel facer un traballo adecuado”. advirten.
Tamén se prohibiu o uso dos fitosanitarios, “mais non se buscou unha solución para eliminar as herbas e a maleza que nacen tanto nas beirarrúas coma nos bordes”.
A todo isto hai que sumar ao traballo que Santiago “é unha cidade chea de árbores de folla caduca e a caída das follas provoca que as beirarrúas estean sucias e sexan perigosas para as persoas, especialmente cando chove polo risco de esvarar”.
Persoal e veciñanza, grandes prexudicados
Con este panorama, “Urbaser segue a buscar a máxima rendibilidade posíbel do contrato, o Goberno municipal intenta ter os menos problemas posíbeis co servizo e a oposición intenta vender o que nunca foi capaz de facer”.
Mentres, “cun persoal escaso pola política de non cobertura da empresa e cun medios técnicos totalmente insuficientes, as persoas traballadoras do servizo son as máis prexudicadas por ter que sufrir sobrecarga laboral e unha críticas inxustas, xunto coa veciñanza que paga por un servizo que recibe con moitas deficiencias”.