O comité de Urbanos de Ourense denuncia que o 30% dos autobuses ten deficiencias no sistema de aire acondicionado
O comité de empresa de Urbanos de Ourense, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Ourense, denuncia que máis do 30% da flota de autobuses presenta deficiencias no sistema de aire acondicionado en plena vaga de calor.
“Se a isto se lle suma a obrigatoriedade de levar as fiestras abertas como medida de protección fronte á covid e as temperaturas extremas elevadas que se están a rexistrar estes días a condución representa un risco para o persoal e compromete o correcto funcionamento do servizo”, sinala o secretario do comité, Rubén Mouro, da CIG.
Diante disto, reclámanlle á dirección de Urbanos de Ourense que adopte as medidas oportunas para rematar con esta situación, “xa que o taller está baixo mínimos e saturado de averías, e non é quen de facelo coa rapidez que se precisa”.
Finalmente, censuran que a empresa estea a cambiar os autobuses que presentan deficiencias para as liñas con traballadores/as eventuais “porque saben que non poden alzar a voz”.