O comité de Urbanos de Ourense denuncia que a concesionaria está incumprindo o contrato
O comité de empresa en Urbanos de Ourense vén de denunciar, máis unha vez, a precariedade dos autobuses e o incumprimento do contrato da concesionaria co concello de Ourense ao non dar servizo en todas as liñas debido á falta de vehículos.
Os traballadores e as traballadoras denuncian tamén as condicións nas que teñen que desenvolver o seu traballo, en plena vaga de calor, con autobuses nos que non funciona o aire acondicionado entre outras deficiencias.
Membros do comité aseguran que os autobuses son moi vellos, que “non están ao día e está habendo moitas averías”. Afirman que están cansos de traballar a temperaturas que non son óptimas, sobre todo no posto de condución.
Explican que cando consideran que non están funcionando correctamente protestan e o vehículos son enviados ao taller. O problema, din, é que non hai autobuses de substitución e a maneira de suplir ese autobús nunha liña que ten dous autobuses, para que non se quede só con un, é quitando un autobús dunha liña que ten tres e deixándoa con dous. “Tapan un burato e destapan outro”. A modo de exemplo sinalan que á liña de Covadonga, que ten tres autobuses, quítanlle un e déixana só con dous.
Consideran que se está incumprindo o contrato que a empresa concesionaria ten co concello. “E iso estano facendo reiteradamente nas últimas dúas semanas, porque o servizo de taller está moi mermado e non dan quitado adiante os autobuses que teñen para reparar”.
Sinalan que en taller só están dous ou, como máximo, 3 traballadores polas tardes e pode chegar a haber sete ou oito autobuses avariados. Por iso demandan que traian máis autobuses de Vigo ou que contraten a máis xente de taller.
Condicións inasumíbeis
O persoal de Autobuses Ourense denuncia que as condicións de traballo son inasumíbeis, mais tamén as que teñen as usuarias e usuarios que utilizan este servizo de transporte porque ás altas temperaturas que hai na cidade hai que engadir que o autobús é todo unha cristaleira á que lle vai dando o solo todo o día.
Con esta denuncia queren que cheguen a coñecemento do concello do Ourense os incumprimentos para que exixa á empresa concesionaria que cumpra co contrato e, de non ser así, que se lle apliquen á empresa as sancións previstas.