O comité de Unísono convoca paros e concentracións en Vigo este mércores contra o abuso na xestión das quendas
Dende o comité de Unísono explican que os paros que se desenvolverán este mércores de 12.00 a 13.00 e de 20.00 a 21.00 horas coincidirán coas concentracións convocadas no mesmo horario ás portas dos centros de traballo situados na Gran Vía 104 e 110.
Con estas mobilizacións o persoal da empresa pretende denunciar o abuso na xestión das quendas no que se refire a preferencias horarias, gardas legais, cambios de banda, vacacións ou publicación de vacantes. “A dirección pon cada vez máis trabas á conciliación da vida laboral coa persoal e familiar, tras termos constatado reiteradas veces que existe a posibilidade dunha xestión alternativa”, indican.
Outro dos motivos da protesta é reclamar unha suba de categoría para persoal da campaña de ING, xa que son traballadores/as cunha gran formación adquirida no contorno laboral que desenvolven as mesmas funcións que unha persoa do sector da banca pero que pola contra cobra o mesmo salario que un teleoperador/a especialista.
“Tras sentarnos a falar coa dirección da empresa en innumerables ocasións, tras visitar as instalacións da Inspección de Traballo outras tantas e tamén tras recorrer en non poucos casos a vía xudicial, tomamos a determinación de levar adiante este paros”, sosteñen.
Presión extrema da empresa
Dende o comité de empresa denuncian tamén a “presión extrema” que a dirección de Unísono está a exercer sobre o cadro de persoal para intentar que non secunde os paros, até o punto de que arredor de 20 traballadores/as que participaron en anteriores convocatorias veñen de recibir escritos de amonestación nos que se lles advirte da posible aplicación dunha sanción grave.
Noutros casos a compañía intentou desactivar a protesta reunindo a grupos de empregados/as nunha sala durante as xornadas de onte e hoxe para persuadilos/as de que non participen nos paros “utilizando argumentos falsos”. Ademais, outros/as traballadores/as foron amedrentados/as directamente con cuestións que nada teñen que ver cos motivos da mobilización.