O comité de Tussa pide a Bugallo que se deixe de ameazas e cumpra os seus compromisos
O comité de empresa de Tussa amosa a máis absoluta sorpresa polas palabras fóra de tono e faltando a verdade do alcalde de Santiago e non entenden que unha vez máis Sánchez Bugallo volva a insinuar que pode haber despedimentos. Afirman que o único que fixeron foi pedir diálogo sobre os asuntos que lles afectan e que non van a tolerar máis ameazas.
Lembran que desde o pasado mes de xullo non había unha reunión, que só se convocou unha vez se denunciou publicamente a falla de diálogo. Afirman que hai compromisos por executar e que se enteran antes pola prensa que pola súa empresa das mudanzas que se lles aplican. A modo de exemplo, denuncian que neste tempo están sen solucionar a falla de seguridade dos traballadores do guindastre, que non se contou co comité no cambio da Estación de Autobuses e que hai máis dun ano que non se reune a mesa negociadora do convenio co que son os únicos traballadores do concello que non tiveron suba nen en 2020 nen en 2021.
Acusan a Tussa e ao Concello de tratalos de menores de idade e informarlles das cousas só cando xa as teñen decididas esquecendo que o principal dereito dunha representación sindical é o de consulta previa e participación.
Sobre as acusacións de perdas no guindastre.
Os representantes do cadro de persoal de Tussa lembran que en ningún caso a situación económica é culpa dos traballadores e traballadoras e lembran que durante o confinamento mesmo se ofreceron por escrito para realizar calquera traballo de apoio para o Concello relacionado coa situación de pandemia do Covid-19.
En canto ás supostas "perdas" da grúa, lembran que os traballadores do guindastre puxeron 8.000 denuncias e máis de 30.000 na ORA pero que esas as xestiona o Concello directamente e non entran nas contas de Tussa. Indican ademais que a reducción na retirada de vehículos nos últimos anos ten que ver coa humanización da zona nova e a eliminación de dobres filas e zonas de aparcamento e en ningún caso é responsabilidade dos traballadores e traballadoras.
Consideran que sacar isto continuamente como único argumento é só unha cortina de fume para restar valor ás demandas e para poñer á opinión pública en contra do persoal de Tussa. Acusan ao grupo de goberno de entender Tussa, e a ORA e o guindastre en particular, só como unha vía de financiamento onde prima o afán recadatorio máis que o de servizo público.
O Comité de Empresa anuncian mobilizacións nas próximas semanas para reclamar respecto e diálogo real e non de cara á galería.