O comité de Tragsa lamenta a morte dun compañeiro en accidente laboral nas Neves
O comité Autonómico de Tragsa Galicia, reunido hoxe, día 12 de decembro de 2016, a raíz dos tristes feitos ocorridos o venres 9 nas Neves (Pontevedra), onde un compañeiro e traballador deste empresa perdeu a vida, quere pór de manifesto:
En primeiro lugar que acompañamos no sentimento á familia e queremos facer saber que estamos ao seu enteiro dispor para todo o que precisen.
En segundo lugar, total apoio aos compañeiros e traballadores que se atopaban nese lugar o día deste tráxico infortunio.
Porén, en terceiro lugar queremos denunciar publicamente os incumprimentos desta empresa en materia de Seguridade e Saúde, onde desde hai un ano non existe o Comité de Seguridade e Saúde debido ao desinterese do Xefe da Unidade Territorial de Tragsa Galicia en formalo incumprindo a resolución da Inspección de Traballo tras da previa denuncia deste comité.
Tampouco recoñece aos delegados de prevención nomeados debidamente por este comité. Delegados elixidos democraticamente polos traballadores, Ademais, a raíz deste accidente estes non foron convocados pola Dirección á reunión de investigación dos feitos.
Desde hai máis de seis meses este comité vén denunciando o exceso de horas que están facendo os traballadores, que en moitos casos exceden as 80 horas anuais e que a empresa incumprindo o convenio non informa a este comité.
Exceso de horas que se deben ao brutal ERE onde despediron a 76 compañeiros en Galiza (555 en todo o Estado español) entre os cales se atopaban máis da metade dos Técnicos de Prevención de Galiza, incluído o da provincia de Pontevedra.
Malia isto a profesionalidade dos nosos compañeiros está evitando que haxa máis accidentes, pero é labor deste Comité Autonómico seguir denunciando a pouca importancia que a Dirección de Galiza da ao tema da Prevención.