O comité de Teleperformance esixe cunha concentración o cumprimento dos acordos laborais
O comité de Teleperformance mobilizouse este venres para esixir da empresa que cumpra cos acordos laborais acadados, que poña solución a todas as problemáticas que o persoal lle vén reclamando dende hai anos e que abandone a política de imposición e falta de vontade negociadora.
Tino Fernández, delegado da CIG en Teleperformance A Coruña, explica que no ano 2019 despois de diversas mobilizacións e paros laborais, houbo unha mediación no AGA para buscar solucións ás reivindicacións do persoal. Nesa mediación, chegouse a unha serie de acordos "que a empresa non está a respectar, polo que na actualidade estamos moito pero que en 2019", denuncia.
Seguen os descontos nas nóminas
Entre outras cuestións, indica que a compañía continúa facendo descontos nas nóminas por ausencias debidamente xustificadas, así como por tempos "que realmente son imputábeis á empresa, xa que se deben a incidencias informáticas, desconexións etc.". A minuciosidade coa que a empresa aplica os descontos chega ao punto de "quitarlle da nómina a unha persoa 17 céntimos, o que equivale a un minuto e medio de desconexión. Non ten sentido o que está facendo a empresa", subliña Fernández.
Xunto a isto, denuncia a falta de vontade negociadora de Teleperformance que se evidencia nas mesas que comité e empresa teñen actualmente abertas sobre as condicións do teletraballo, a implantación do plan de igualdade ou o plan de formación. "Non teñen vontade ningunha de chegar a acordos, o que están facendo é dilatar os prazos para chegar as datas límite e logo impor o que queren", advirte o delegado da CIG.
Neste senso, critica esta política laboral de imposición e unilateralidade que se vén arrastrando dende hai anos e que se agravou durante a pandemia. Así, alerta do "filón" que atopou a empresa coa implantación acelerada do teletraballo a raíz do confinamento "pois a día de hoxe aínda hai compañeiros e compañeiras que están pondo o seu teléfono, os seus equipos informáticos e a súa conexión á rede para traballar dende a casa, sen que se lle compensen os gastos, tal e como se recolle o Real Decreto publicado en outubro do ano pasado".
Polos cálculos da sección sindical da CIG, nestes intres o 70% do cadro de persoal de Teleperformance na Coruña segue en teletraballo "sen recibir compensacións polos gastos xerados, sufrindo problemas de conexións e descontos das nóminas por este motivo". Por este conxunto de prexuízos, engade, "sabemos de traballadores/as que solicitaron reincorporarse á plataforma".
A maiores, continúa sen ofrecerse formación adecuada ao persoal e sen darse apoio tanto no centro de traballo como no teletraballo; e implantouse unha ferramenta única para a comunicación coa empresa con múltiples deficiencias e erros "que deixa totalmente indefenso o cadro persoal e limita o traballo sindical da representación legal".
Reunión coa xefatura da Inspección
Estas problemáticas foron e son denunciadas na Inspección de Traballo "pero nos estamos atopando cunha pasividade que provoca que a empresa se sinta cada vez máis reforzada nas súas posicións". Por esta razón, o comité solicitou unha reunión coa xefatura da Inspección que terá lugar o vindeiro 26 de maio. "O único que pedimos é que cese a permisividade e a impunidade coa que actúa a empresa en contra dos nosos dereitos", conclúe.