O comité de Tegestacín demanda a implicación real da Xunta na busca de solucións de futuro
O comité de Tegestacín demandou este mércores a necesidade de que a Xunta de Galiza se implique na busca de solucións que garantan a continuidade da actividade produtiva e de todos os postos de traballo na planta de Outeiro de Rei. Así llo trasladaron na xuntanza mantida coa directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a responsábel territorial de Emprego e Igualdade en Lugo.
A representación da Xunta de Galiza manifestoulle ao comité o interese e preocupación diante da actual situación do persoal e trasladaron o seu compromiso para colaborar nas distintas alternativas ou posibilidades para conservar os empregos. "Ficou aberta coa administración, sinala o secretario comarcal da FGAMT-CIG, Christian López, unha canle de seguimento durante o presente proceso".
Non obstante, a representación do persoal insistiu na necesidade de que haxa unha implicación real da Xunta, e non só declaracións de boas intencións, para buscar solucións que permitan a continuidade industrial e os máis de 70 empregos da planta de Outeiro de Rei, ante o incerto escenario aberto coa formulación por parte de Tegestacín dun expediente de extinción para todo o persoal.
Inicio do período de consultas
Precisamente, no día de onte tivo lugar a reunión do comité e da empresa para iniciar o período de consultas do ERE. "Neste asunto unicamente se pode ratificar as intencións das partes, en posicións claramente contrarias, polo que o comité continuará a afondar as distintas posibilidades e nas garantías para o persoal", asevera López.